26/09/2013

Un titán na bomboneira (Burela FS-ElPozo, sábado 28, 18.30)

Un titán na bomboneira (Burela FS-ElPozo, sábado 28, 18.30)

O Burela FS Pescados Rubén repetirá xornada na casa coa visita de todo un titán á bomboneira. O todopoderoso ElPozo Murcia recalará na Mariña para medirse aos de Juanlu o sábado, ás 18.30 horas, na terceira cita de Primeira.


”É un rival moi complicado pero temos argumentos suficientes para sacar algo positivo este sábado” recoñecía con ilusión o técnico laranxa, Juanlu. O cadro mariñán pelexará por recuperar a senda do bo inicio ligueiro, con triunfo en Peñíscola (1-3), e deixar atrás o amargo sabor da semana pasada, con 1-2 desfavorable ante Xota Navarra. O técnico laranxa espera un partido aberto e con espectáculo, lonxe do encontro disputado na segunda xornada: “A semana pasada o Xota obrigounos a levar todo o peso do partido, algo difícil de asumir para un equipo en contrución como o noso; concedeunos toda a iniciativa e non nos permitiu xerar contraataques. É moito máis doado destruír ca crear; esa foi a gran baza do rival” analizaba Juanlu.


ElPozo Murcia, actual subcampeón de liga, Copa e Supercopa, saltará á pista de Vista Alegre cun empate ante Santa Coloma (6-6) e unha vitoria (5-1) ante o Peñíscola. A constancia, errante no estreo da competición, será o arma para conseguir os seus obxectivos, segundo o parecer de Duda: “Hai que plasmar na pista o que temos programado, poñer as ganas por diante e ser máis constantes que é o que nos faltou en Santa Coloma, non fixemos un mal partido pero os momentos malos aproveitounos o rival”.


O técnico dos murcianos dispoñerá de 3-José Ruiz, 5-Lolo, 7-Juampi, 8-Jesús, 9-Bebe, 10-Álex, 11- Miguelín, 12-Fabio, 15-Rafa, 17- Raúl Campos e 21-Gréllo. Serán baixas Kike, Adri, que chegou da selección con lesión de isquiotibiales, e Franklin.


A convocatoria de Juanlu estará configurada por 1-Edu, 2-Mimi, 3-David Burrito, 5-Iago Míguez, 7-Isi, 8-Juanma, 9-Hugo, 10-Matamoros, 11-Christian, 23-Antoñito e 19-Brais.


No seu último enfrontamento, no segundo tramo da liga 2012-13, galegos e murcianos repartíronse os puntos cun axustado 1-1 en Burela.


 


Día do Club. O partido con ElPozo Murcia será o primeiro dos tres encontros que a entidade laranxa marcou como días do Club esta tempada. A entrada para os soci@s maiores de 14 anos será de 5 euros e de 0 a 13 anos deberán abonar 1 euro. Os non soci@s deberán abonar 20 e 3 euros respectivamente. O sábado a taquilla de Vista Alegre estará aberta desde as 17.30 horas; ata o venres ás 19.00 horas, a venda anticipada estará dispoñible na sede do CD Burela FS (avenida Arcadio Pardiñas, número 91, baixo).


Asociación Piel de Mariposa. Vista Alegre habilitará unha Fila 0 o sábado a favor da Asociación Piel de Mariposa (DEBRA España). O Burela FS Pescados Rubén destinará unha porcentaxe da recadación do partido para axudar o colectivo; aqueles afeccionados/as que así o desexen tamén poderán depositar o seu donativo nas huchas solidarias colocadas no pavillón ou a través de www.debra.es.


Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.