11/10/2013

Obxectivo: Primeira vitoria na casa

Obxectivo: Primeira vitoria na casa

A quinta xornada de Primeira División chega a Vista Alegre co firme obxectivo de sumar os tres primeiros puntos na casa para o Burela FS Pescados Rubén. A escuadra laranxa recibirá o H. Llevant Manacor mañá ás 18.30 horas. “Temos a necesidade de gañar” asegura o adestrador, Juanlu. “Disputamos dous partidos moi difíciles na casa pero a realidade é que aínda non sumamos e con esa ilusión, a de gañar, pensamos no partido de mañá” explicaba o madrileño incidindo na “tranquilidade e confianza” que podería xerarse no equipo para os próximos compromisos.


O conxunto de Tomás de Dios saltará á pista con 2 puntos, tras os empates como locais ante Santiago Futsal (1-1) e Peñíscola (3-3); lonxe da casa as cousas non lle foron tan ben, caeu con Inter Movistar (11-2) e Santa Coloma (4-3). “É un equipo que defende moi ben e non baixa nunca os brazos; intenta xogar con marcadores apertados e non comete apenas erros porque asume poucos riscos” analizaba Juanlu, puntualizando que “debemos saír concentrados para golpear primeiro porque se se poñen por diante terémolo moi difícil”.


O técnico laranxa poderá dispoñer de todo o cadro excepto Hugo, que cumprirá o primeiro dos tres partidos que recibiu como sanción tras o encontro en Lugo; o novísimo Carlitos tamén entrará na convocatoria.


O 12 manacorí, que chegará este mediodía á Mariña, está configurado por Carlos Barrón, Miguel Medina, A. Vadillo, Chicho, Bruno, Joao, Joselito, Lemine, Manu Orellana, Toni Terrón, Pope e Vega.


Insulares e galegos xa se viron as caras na recta final de pretempada, con triunfo para os de Juanlu 1-0, en semifinais do Desafío Star Center de Santiago de Compostela.


Semana diferente. Os burelistas vivirán unha semana diferente, co desprazamento a Zaragoza para disputar a sexta xornada, o mércores 16 (21.00 horas). Tan só tres días despois, Vista Alegre gozará do segundo Día do Club, coa visita do xigante FC Barcelona (sábado 19, 18.30 horas).


Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.