18/10/2013

Derbi comarcal en Terceira

Derbi comarcal en Terceira

O Burela FS Pescados Rubén B disputará mañá o seu primeiro derbi comarcal, na casa do Superti A Pontenova, ás 16.00 horas.



Ambas as escuadras chegan á cuarta xornada de Terceira División moi igualadas: 3 puntos para os locais, con dúas derrotas lonxe da casa (O Carballiño 4-3 e Santiago Futsal 6-1) e unha vitoria (5-2, Pazos de Borbén) e 4 puntos para os laranxas, cun empate (Santiago Futsal 2-2), unha derrota (Troula  FS 1-3) e un triunfo (A Estrada FS 3-2).



Os pupilos de Iván Cao, Lucas, pelexarán por darlle continuidade aos tres puntos da última semana. “Será un partido duro, non só por todo o que implica un derbi, senón tamén pola calidade do contrario, con xogadores de experiencia en categorías superiores” adiantaba o técnico. O adestrador laranxa móstrase moi contento co traballo do equipo, aínda que cre que os resultados non acompañan como deberían: “O marcador non está reflectindo todo o noso traballo sobre a pista. Creamos moitas ocasións de gol que non somos capaces de materializar e acabamos sufrindo” sinalaba así o técnico a materia pendente que se debe corrixir nas filas burelistas para “dar a cara nunha liga que nesta tempada deu un salto de calidade, cun gran nivel, na que calquera rival che pode poñer as cousas difíciles”.



Antón Couto, que cumprirá o terceiro partido de sanción, e Bruno de Nois, na enfermería, serán as ausencias de Lucas, que xa desexa “o seu rápido regreso para gañar sobre todo en ritmo coa ampliación das rotacións”. Tampouco estará Carlitos, comprometido para a cita do equipo sénior fronte ao FC Barcelona. Javi e Antón González reencontraranse nesta xornada cos seus anteriores compañeiros.




 

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.