16/11/2013

Tarde pouco afortunada para os laranxas

Tarde pouco afortunada para os laranxas
O Burela FS Pescados Rubén tan só puido conseguir un punto nunha tarde pouco afortunada na visita do pechacancelas, Colegios Arenas Gran Canaria (2-2), que chegaba sen puntos a Vista Alegre. Malia tomar a iniciativa sobre a pista, os pupilos de Juanlu víronse obrigados a ir a remolque no marcador nun partido que pechou Matamoros co empate a 18 segundos para a bucina final. Comezaron os locais con ganas de dominar o xogo e poñer perigo sobre a meta canaria, con grandes chegadas de Mimi, xa no minuto 1, e Hugo, no 3. No entanto, foi o Colegios Arenas o que atopou a primeira diana; practicamente na súa primeira ocasión, Aitor gañaba un rexeitamento de Edu no chan e dáballes a vantaxe aos visitantes, no minuto 4 (0-1). Os laranxas reaccionaron intensificando o seu ataque, aínda que de lonxe; aos poucos, foron conseguindo adiantar as súas filas. Roldando o ecuador da primeira parte, Burrito apuraba un balón na liña de fondo, e Matamoros e Hugo atopábanse cun gran Dani Cabezón. Pero aí estaba Antoñito para aproveitar un rexeitamento alto ao que chegou tarde Mata, para cravar na rede un balón ante o que o porteiro canario non puido reaccionar, o 1-1, no minuto 13. Pouco despois, Edu salvou o insalvable no bordo da liña de meta, un balón envenenado de Aitor. Na recta final de primeiro acto, Isi aínda puido sorprender sen éxito. Tras o descanso os mariñáns seguiron apostando pola posesión do xogo, aínda que os insulares tamén intentaban sorprender a Edu, con boa resolución por parte do naronés. O Burela FS estaba pelexando e merecendo poñerse por diante, pero foi entón cando nun pase cara atrás Mimi marcou o 1-2 en contra (minuto 24). Volveu ser crucial o gardameta galego no 26 ante Aitor, tras un roubo do canario a Burrito en media pista. Os laranxas, lonxe de conformarse, dispuxeron toda o seu artillería sobre a portería rival nunha tarde na que o gol se lles resistía, e moito. Logo das tentativas de Iago Míguez, Burrito e Mata no minuto 28, Antoñito tivo unha ocasión de ouro só ante Dani Cabezón, no 31, e segundos despois Isi estrelou o esférico contra o largueiro, desde balón parado de Matamoros. Dani, moi acertado, tamén librou os visitantes no 33, cun mísil do pichichi burelista. Con cinco faltas acumuladas, Juanlu apostou polo xogo de cinco abandeirado por Mimi, no minuto 36. Crearon perigo inmediato Mata e Hugo, ante un acertadísimo Dani Cabezón; con todo, o Burela FS Pescados Rubén non estaba disposto a pechar a 11ª xornada sen puntuar e o gol tan pelexado por fin chegou, a falta de 18 segundos, nas zapatillas de Matamoros. Sobre a bucina, o meta insular salvou unha frenética embestida dos laranxas adiantándose sobre o ataque burelense. Ficha técnica Burela FS Pescados Rubén: Edu, Mimi, Hugo, Matamoros e Antoñito, no cinco inicial; tamén xogaron Juanma, Iago Míguez, Isi, Burrito Colegios Arenas Gran Canaria FS: Dani Cabezón, Glauber, Campoy, Aitor e Julio, no cinco inicial; tamén xogaron Juampe, Juanillo, Lincon Goles: 0-1, minuto 4, Campoy; 1-1, minuto 13, Antoñito; 1-2, minuto 24, Mimi (p.p.), 2-2, minuto 40, Matamoros Árbitros: Cid Bragado (Galicia) // Velasco Martínez (Asturias) Tarxetas: Por Colegios Arenas, amarela a Aitor (minuto 14), Julio (minuto 21) . Por Burela FS, amarela a Hugo (minuto 20), Matamoros (minuto 30), Isi (minuto 32), Iago Míguez (minuto 32) Incidencias: Partido correspondente á undécima xornada de Primeira División LNFS (Vista Alegre), con 900 espectadores nas bancadas

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.