22/11/2013

Vista Alegre engalánase de duelo galego de elite

Vista Alegre engalánase de duelo galego de elite

O pavillón Vista Alegre engalanarase na décima xornada da elite para recibir o sempre emocionante duelo galego entre o Burela FS Pescados Rubén e o histórico Ponte Ourense. Mañá, o espectáculo en forma de derbi arrancará ás 18.30 horas.



Dende a segunda praza (22 puntos), empatado con Ciudad de Alcorcón, o cadro mariñán recibe as pontinas, na novena posición (11 puntos) encadeando dúas derrotas nas últimas xornadas, e novidades nas súas filas, coa volta de Óscar Vivian ao banco. Para o técnico burelista, Quico Otero, a emoción está garantida e advirte da especial perigosidade con que chega o rival: “Será un derbi trampa porque a motivación se multiplicará polas circunstancias. O rival virá con ganas dun cambio radical, motivado polo novo adestrador e pola necesidade de puntos para escalar posicións” adiantaba Quico Otero, dando especial relevancia “ás alternativas de xogo do Ponte e ao perigo que xera con pivote”.



Dende o vestiario laranxa, unha das grandes coñecedoras do Ponte, Cris, tamén coincide nas virtudes das visitantes incidindo ademais na “calidade individual, na posesión de balón e na solidez baixo os paus, coa porteira internacional Vane”. A 3 burelista prevé un partido moi igualado e con moitas ganas por ambos os lados, no que as ourensás non ofrecerán grandes diferenzas: “O Ponte Ourense ten un estilo moi definido; xogadoras e técnico xa se coñecen e o regreso do adestrador non influirá demasiado na filosofía de xogo”. Para a última incorporación mariñá este será un partido especial: “Despois de tantos anos no Ponte esta será a primeira vez que me enfronte a un equipo no que deixei compañeiras e amigas; a sensación vai ser rara, aínda que agora loito por isto e con outras compañeiras e este é o meu principal obxectivo”.



Nas filas laranxas entrará Paula na convocatoria, aínda que con certa precaución tras os problemas que minguaron a súa participación dende pretempada, e chegan entre algodóns Lidia Mesías e Lara.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.