06/02/2014

MATAMOROS 2016

MATAMOROS 2016

O Burela FS Pescdos Rubén e Jorge Valhermoso Matamoros prolongan a súa relación contractual durante dúas tempadas máis. O killer laranxa lucirá a camiseta do club mariñán ata 2016. O presidente do CD Burela FS, Manuel Blanco Fanego, arroupou a Matamoros na formalización da súa renovación.



O máximo mandatario da familia laranxa incidiu na importancia desta renovación “xa que Matamoros é unha aposta segura e fundamental para o crecemento deportivo do club. É un profesional extraordinario, unha persoa íntegra, responsable e que sente a camiseta que defende. A súa incorporación ao Burela Pescados Rubén foi un dos mellores e maiores acertos da entidade. É un dos activos máis importantes do club e o seu excelente rendemento e compromiso permitiunos consolidarnos na máxima categoría do fútbol sala. É unha alegría para todos seguir gozando de Matamoros coa camiseta do Burela Pescados Rubén ata 2016”.



Pola súa banda, Matamoros tamén evidenciou a súa ledicia pola recente renovación: “É o que ambas as partes queriamos e foi doado chegar a un acordo. En Burela síntome moi cómodo tanto no persoal como no aspecto deportivo, unicamente levo un ano en Burela pero desde o principio sentinme integrado na filosofía do club. Estou totalmente identificado con este proxecto, é unha motivación axudar a que o club siga medrando con ambición e desde a humildade. A tempada anterior logramos a permanencia e na actual queremos consolidarnos na categoría alcanzando os Play Off polo título. A afección de Burela merece gozar da elite do fútbol sala e o noso obxectivo é devolver a súa paixón por este deporte con bos resultados e alegrías”.



O goleador madrileño incorporouse ás filas laranxas a finais de xaneiro de 2013, durante o mercado invernal, procedente do Inter Movistar. Cos seus goles e o seu excelente rendemento foi fundamental para que a escuadra burelá lograse manter a categoría durante a tempada 2012/2013.



Durante o presente exercicio, Matamoros confirmouse como un alicerce básico do Burela Pescados Rubén. Ademais da súa influencia e peso no xogo laranxa mantén o seu idílica relación co gol, é o segundo máximo goleador de Primeira División con 18 goles.



O seu rendemento goleador é un dato incuestionable aínda que Matamoros sempre antepon o colectivo ao seu interese persoal “un equipo é a suma de individualidades a disposición do conxunto, por riba de calquera interese persoal. Esa é a filosofía que debemos seguir e coa que traballamos cada día”. Respecto á excelente traxectoria coa camiseta do Burela Pescados Rubén indicou que “é unha consecuencia da confianza que depositaron na miña desde que cheguei. Estou nun gran momento da miña carreira, teño plena confianza no meu xogo e síntome cómodo na pista grazas ao apoio dos meus compañeiros e, loxicamente, pola confianza do adestrador”.



O 27 de decembro de 2013, o pichichi burelao deleitou a todos os afeccionados do fútbol sala mundial cun extraordinario gol ante o Magna Navarra. A súa vaselina de tacón percorreu o planeta futsal e xa forma parte da historia deste deporte como un dos mellores goles logrados nunha pista de fútbol sala. Respecto diso indicou que “foi un gran gol que sempre recordarei pero preferiría gañar o partido, sen ningunha dúbida”.



Aos 29 anos, o xogador mariñán atopou en Vista Alegre o escenario perfecto para desenvolver e demostrar todo o seu potencial futbolístico. A súa ambición, carácter gañador e humildade conquistaron Vista Alegre, que pode presumir de ter entre os seus a un auténtico crack. A súa relación con Juanlu Alonso, técnico burelao, “é especial, coñecémonos dende hai tempo e é un pracer traballar con el. É o mellor adestrador da Liga, posúe grandes coñecementos e é capaz de transmitilos con claridade. É un gran traballador, contáxianos a súa paixón por este deporte e estou convencido de que nos guiará ata os Play Off polo título. A nosa máxima ilusión é levar ao Burela FS Pescados Rubén nesa dirección e que a nosa afección goce e nos acompañe durante o camiño”.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.