14/02/2014

Volta ao rodos nunha semana con moito traballo

Volta ao rodos nunha semana con moito traballo

Despois de case un mes de inactividade ligueira debido ao Europeo de Amberes, o Burela FS Pescados Rubén volve aos rodos en Vista Alegre, cunha semana de moito traballo por diante. O primeiro rival será mañá, o Umacón Zaragoza, ás 18.30 horas, como antesala de cuartos de final de Copa do Rei, co Ríos Renovables o martes 18, e de novo a reincorporación á liga na pista do flamante FC Barcelona, o sábado 22 (16.15 horas).



Coas forzas renovadas, o equipo laranxa volve para dar continuidade á boa etapa desta segunda volta. “Volvemos con ganas, sobre todo sendo na casa, para tratar de seguir a boa liña de xogo e de resultados” expresaba o capitán burelista Juanma. “Somos conscientes de que non será unha semana nada doada, pero se respondemos ben, serán sete intensos días dos que sairemos fortalecidos” advertía con optimismo o Mariskal.



Desde a sétima posición (26 puntos), o Burela FS recibe ao duodécimo clasificado (16 puntos) apostando pola intensidade. “É un rival sempre complicado que fai moito dano coa defensa zonal, pero se somos fieis ao que levamos adestrando estas semanas ofreceremos moi bo encontro” adiantaba o xogador de Alfoz.



Durante este período, a Copa Xunta foi o aperitivo da escuadra mariñá; os laranxas superaron os cuartos de final fronte a O Parrulo FS, de Segunda (1-3). O seu rival de mañá disputou nestas semanas tres amigables; con dúas derrotas ante equipos de Primeira, con Magna Navarra (4-3) e Ríos Renovables (4-6) e unha vitoria, ao FC Ascó (3-7), de Terceira Nacional.



O conxunto de Juanlu, fiel á súa estrutura e engranaje de inicio de tempada, medirase a un rival que levou os tres puntos na primeira volta (3-1) e que desde entón experimentou movementos no mercado de inverno. Luchi chegou para reforzar o equipo maño mentres que Carlos Amores e Carlos Sampedro pasaron a defender a camiseta do Sala Quinto ata final de tempada, aínda que seguen vinculados ao Umacón.



Nas filas locais, a única ausencia será a de Hugo, en pleno proceso de recuperación da súa intervención de menisco. No Umacón, unha vez recuperado Richi Felipe das súas molestias lumbares, Jorge Sampedro contará con todos os xogadores excepto Toru Sato, que por un problema co visado aínda non puido regresar a Zaragoza, e Kiky, que continúa con molestias.



Copa do Rei. O CD Burela FS Pescados Rubén volverá obsequiar a bancada laranxa o martes, 18 (20.30 horas) cos cuartos da Copa do Rei; en fronte terá ao Ríos Renovables, rival directo en competición ligueira. O partido do martes 18 (20.30 horas) contará coa presenza do seleccionador nacional, José Venancio López Ferro. O club mariñán xa abriu a venda anticipada para a trepidante cita copeira. Ata o martes ao mediodía, todas as persoas interesadas poderán adquirir as súas entradas na sede CD Burela FS Pescados Rubén (Horario de atención ao público: de luns a venres, 10.00-14.00 // 16.00-19.00); tamén estarán dispoñibles mañá na bomboneira.



 



PREZOS PARA SOCIOS



Adultos: 3 euros
Menores de 18 anos: 1 euro



PREZOS PARA NON SOCIOS



Adultos: 12 euros
Menores de 18 anos: 2 euros



 

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.