11/03/2014

Laranxas e transportistas, na busca dun billete para a final da XXIII Copa Galicia

Laranxas e transportistas, na busca dun billete para a final da XXIII Copa Galicia

Laranxas e transportistas volverán medir as súas forzas mañá, por terceira vez no que vai de tempada –tras os dous enfrontamentos de liga-, na busca dun billete para a final da XXIII Copa Galicia. Vista Alegre acollerá o encontro de semifinais da cita copeira ás 20.30 horas.



O Burela FS Pescados Rubén recibe o compromiso galego comezando a parada de Primeira LNFS que o manterá afastado da liga, entre a Copa de España Logroño 2014 e a xornada de descanso, ata o 29 de marzo, na pista do Gran Canaria FS. Os mariñáns chegan con ganas de competición, sobre todo, despois do resultado adverso na pista do Montesinos Jumilla FS (6-2). “Despois dunha xornada coma a do sábado, o mellor para o equipo é volver competir canto antes. Será un partido moi motivador pola rivalidade que hai entre os dous equipos” explicaba Juanlu, que ve no duelo de Copa un encontro moi igualado. “Creo que será un partido máis igualado que o de liga que vivimos en Vista Alegre, con 4-1 para o Burela FS. O Azkar chega nun bo momento; antes de caer 7-1 na pista do FC Barcelona, conseguiu pleno de puntos con Zaragoza (4-2) e Manacor (1-4). Nós, porén,non estamos tan finos; nos últimos partidos vimos acusando as baixas de Hugo e Christian” reflexionaba o técnico laranxa.



Precisamente, o vestiario burelista seguirá sen poder dispoñer de Hugo, que pouco a pouco se incorpora á dinámica do grupo tras a intervención de menisco no mes de xaneiro, e Christian, en repouso dende hai un par de semanas por unha rotura parcial de ligamento colateral medial. Entrarán na convocatoria de Juanlu o xogador do Burela FS B Jorge Blanco, ‘Keko’, e o xuvenil Francisco García, ‘Pancho’.



O segundo protagonista da final decidirase entre o Cidade de Narón e o Santiago Futsal, que venceron en cuartos 4-2 ao Noia e 2-7 ao Pazos de Borbén, respectivamente.



Os socios/as laranxas terán mañá acceso gratuíto. Para os non socios o prezo das entradas será de 12 euros para adultos e 2 para menores de 18 anos; a venda anticipada estará aberta na sede do club burelista (avenida Arcadio Pardiñas, 91, baixo) ata mañá a mediodía.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.