19/04/2014

O derbi galego remata en táboas (2-2) e Burela FS pode seguir pelexando polo play off na última xornada

O derbi galego remata en táboas (2-2) e Burela FS pode seguir pelexando polo play off na última xornada
Vista Alegre asistiu esta tarde a un intenso derbi galego, que burelistas e santiagueses pecharon en táboas (2-2), mantendo o empate a puntos (37) e o soño por seguir na pelexa de gañarse o billete para os play off na última xornada da fase regular da liga de Primeira División LNFS. O cadro de Juanlu soubo ir contra corrente no marcador e armouse de paciencia para conseguir a igualada no segundo tramo tras o 1-2 a favor dos visitantes á chegada do descanso.

A piques de cumprirse o minuto 5 de xogo, David Pazos adiantou os santiagueses (0-1) superando a defensa laranxa en vaselina, ante a saída adiantada de Edu. Enseguida atopou o Burela FS o empate, no minuto 7, cun ataque liderado nos flancos por Burrito e Christian; David, buscando o despexe do lanzamento do malagueño, levouno ao fondo da rede (1-1). Edu desbaratou os visitantes, a David Pazos, tras superar o ecuador da primeira parte, pero nada puido facer no contraataque desde media pista tras roubo a Christian; chegaba o 1-2 do 20 compostelán. Os mariñáns dispuxeron de dúas boas oportunidades para a igualada antes do descanso, no 15, cunha asistencia de Burrito aos pés de Antoñito na área rival, e no 17, de novo con perigo de Burrito, que puido despexar Juanjo.

No segundo período, ambas as escuadras saíron moi enchufados con grandes ocasións. Intentouno Iago Míguez, no 22, pero unha mala pisada desequilibrou a correcta finalización. Poucos segundos despois o traballo apareceu na meta de Edu, que tivo que facer fronte primeira a David e máis tarde a Diego Quintela. O protagonismo en ataque para os laranxas asumiuno o nome de Antoñito, no 24, con perigo por partida dobre, nunha tentativa de despexe da defensa compostelá e nun potente disparo ao que saíu Juanjo. Tras o axexo de Palomeque no 25, Matamoros dispuxo de dous balóns de ouro, no 26, primeiro freado pola presión de David na área e despois cun lanzamento de lonxe que se foi desviado. O pichichi mariñán tamén traballou nunha boa asistencia, ante a que caeu Burrito na área visitante, no 29.

O Burela FS buscaba o empate con empeño, ante a orde practicamente imperturbable do Santiago Futsal, pero no 33 conseguiu atopar unha fisura; Isi levantou a bomboneira ao aproveitar un despexe na área santiaguesa (2-2). Co tándem Burrito-Isi, Vista Alegre púxose en pé, tan só un minuto despois, pero Juanjo puido salvar o esférico desde o chan. Os composteláns tamén tiñan ganas de gol; tras un disparo desviado de Hugo, Edu, impecable na súa actuación, tivo que aplicarse a fondo no axexo rival a balón parado, cun par de lanzamentos envelenados de Palomeque. O Burela FS quería os tres puntos, que case se fixeron realidade nunha brillante oportunidade de Mimi, no 37, que estrelou contra o largueiro un balón que atrasou Iago Mimi desde a área visitante. A dous minutos para o final, Burrito vestiu a camiseta de porteiro-xogador, sen tempo para cumprir o obxectivo da vitoria.

Venres 25

A última xornada, o venres 25, ás 21.00 horas decidirá os postos de play off. O Burela FS, na súa pugna en Marfil (cuarto clasificado, 50 puntos), terá opcións de aspirar ata a sexta praza, ostentada por Ríos Renovables (39 puntos), que visita a pista do Jumilla (sétimo, 38) en duelo directo. Santiago recibirá o todopoderoso ElPozo Murcia, desde a terceira praza (65 puntos).

Ficha técnica

Burela FS Pescados Rubén: Edu, Mimi, Iago Míguez, Isi, Juanma, cinco inicial; tamén xogaron Matamoros, Burrito, Antoñito, Christian, Hugo

Santiago Futsal: Juanjo, David, Barroso, Hugo, Diego Quintela, cinco inicial; tamén xogaron Palomeque, Hamza, David Pazos,Pablo Tallón

Goles: 0-1, minuto 5, David Pazos; 1-1, minuto 7, p.p. David; 1-2, minuto 14, David Pazos; 2-2, minuto 33, Isi

Árbitros: Gracia Marín // Múnez Carpintero (Madrid)

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.