18/10/2014

O porteiro xogador arrebátalle a vitoria ao Burela FS (4-4, Magna Navarra)

O porteiro xogador arrebátalle a vitoria ao Burela FS (4-4, Magna Navarra)

O Burela FS Pescados Rubén deixou escapar hoxe a vitoria de Vista Alegre nun gran partido que cambiou o rumbo triunfal dos de Juanlu, con 4-0 ao descanso, a partir do minuto 31 coa aposta polo porteiro xogador de Magna Navarra, que conseguiu empatar (4-4) a escasos segundos da bucina final.



 Amosáronse serios e efectivos os laranxas ante o esixente Magna Navarra. A pesar de que as primeiras chegadas, sen excesivo perigo, foron dos visitantes, o Burela FS conseguiu ir facéndose oco e tomarlle a medida ao rival. A punto de chegar ao minuto 8, Matamoros dispuxo da ocasión local máis clara ata o momento, a balón parado, como preludio da gran visión goleadora do 10 burelista. Tan só un minuto despois Mata, na área navarra, finalizaba un balón de Isi tras erro de despexe da defensa visitante. Ao chegar o ecuador da primeira parte, o madrileño fulminaba a rede asistido por Antoñito nunha contra coa rúbrica de Jorge Bellvert. Con 2-0, tiveron que aplicarse en defensa os de Juanlu uns minutos; Carlitos conseguiu despexar da liña de meta un balón envelenadísimo no 11 e no 12 Edu estivo moi atento ante un erro defensivo de Chano. Tras un disparo de Eseverri que se foi demasiado desviado, recuperaron posicións e perigo os da Mariña e subiu o 3-0, nas zapatillas de Antoñito (minuto 15), esperando ante Raúl o pase de Iago Míguez desde a banda. Volveu resolver Edu dúas grandes chegadas de Eseverri (16) e Víctor (17). A presión laranxa volveu atopar recompensa en forma de gol a dous minutos para o descanso, con saída de Isi que colaborou con Matamoros para que Bellvert culminara a xogada ao segundo pau (4-0).



Comezou con boas vibracións a segunda parte. Carlitos a punto estivo de sorprender o porteiro rival antes de cumprirse o minuto 22 de xogo. Pero os navarros non estaban dispostos a marchar coas mans baleiras da Mariña e imprimiron velocidade en busca da remontada. Jesulito subiu o primeiro tanto navarro de estratexia, no minuto 24, e segundos máis tarde Víctor intentou sorprender a Edu dende lonxe sen éxito. Aínda que tamén Chano dispuxo dunha magnífica ocasión tras roubo de Antoñito (minuto 26). Volveron perdoar os burelistas, con dobre oportunidade de Mata, tras contraataque iniciado por Jorge Bellvert primeiro e desde o solo na área (minuto 30) despois. Foi entón cando o Magna apostou polo xogo de cinco con Víctor Arévalo á cabeza; en tan só dous minutos (34 y 35) colocáronse 4-3, con firma de Tolrá, que aproveitou un rexeitamento de Edu a Jesulito, e de Eseverri, asistido polo 6 navarro tras superar a Jorge Bellvert. Puideron ampliar distancias e cerrar o marcador os laranxas a menos de dous minutos para o final, cun lanzamento a porta baleira de Antoñito e con Iago Míguez só ante Víctor na meta navarra. Porén, a fortuna posicionouse do lado visitante; a falta de 23 segundos para a bucina, Jesulito anotou o empate tras un rexeitamento de Edu.



Ficha técnica



Burela FS Pescados Rubén: Edu, Jorge Bellvert, Isi, Matamoros, Carlitos, cinco inicial; tamén xogaron Antoñito, Iago Míguez, Chano, Hélder



Magna Navarra FS: Raúl, Jesulito, Carlitos, Roberto Martil, Eseverri, cinco inicial; tamén xogaron Dani Saldise, Marc Tolrá, Víctor Arévalo, Javi Saldise, Pablo Ibarra



Goles: 1-0, minuto 9, Matamoros; 2-0, minuto 10, Matamoros; 3-0, minuto 15, Antoñito; 4-0, minuto 18, Jorge Bellvert; 4-1, minuto 24, Jesulito; 4-2, minuto 34, Marc Tolrá; 4-3, minuto 35, Eseverri, 4-4, minuto 40, Jesulito



Tarxetas: Por Burela FS amarela a Antoñito (minuto 28). Por Magna amarela a Javi Saldise (minuto 30)



Árbitros: Martínez Segovia // Muñiz Carpintero



Incidencias: Partido correspondente á sexta xornada de Primeira División LNFS disputado en Vista Alegre. 800 espectadores

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.