19/12/2014

Corenta minutos para un soño

Corenta minutos para un soño

O Burela FS Pescados Rubén pon esta noite o broche á primeira volta ligueira na pista do Montesinos Jumilla FS (21.00 horas, pavillón Carlos García Ruiz, xornada unificada) cunha final por diante, con corenta minutos para un soño. Os pupilos de Juanlu contan as horas para saltar á pista, aínda con opcións para clasificarse para a Copa de España Cidade Real 2015; son novenos con 19 puntos.



“Nós debemos saír a gañar coma sempre, independentemente das nosas opcións para a Copa; este é un proxecto de paso a paso, de partido a partido, estruturado para asentarse na categoría. Tres puntos máis suporían un excelente balance para pechar a primeira volta” aseguraba o técnico burelista, Juanlu Alonso. “Debemos facer a nosa parte e despois xa se verá, pode pasar de todo” puntualizaba o adestrador facendo referencia ás posibilidades dos da Mariña para estar na Copa, posto que, ademais de conseguir a vitoria esta noite, tamén dependen do resultado de Peñíscola FS, defendendo a oitava praza (21 puntos) na casa do Aspil Vidal Ribera Navarra FS, que gañou o billete para Cidade Real a semana pasada en Vista Alegre (2-5).



O Burela FS deberá esgotar os últimos cartuchos fronte ao décimo cuarto clasificado (10 puntos) coas baixas xa coñecidas de Jorge Bellvert e Miguel por lesión. Precisamente o estado da enfermería, coa recente recuperación de Isi e Iago Míguez, é un dos hándicaps contra os que leva loitando o equipo laranxa dende o comezo competitivo: “Conseguimos encadear cinco vitorias cuns xogadores, pero as baixas nótanse e lastráronnos nos últimos tres encontros nos que competimos aínda que nos faltou un pouco” explicaba Juanlu, que tamén quixo amosar a súa satisfacción co traballo dos seus xogadores: ”O Burela FS Pescados Rubén forma un grupo do que estar orgulloso; a estes xogadores, tanto os máis experimentados coma os máis novos, non lles podo pedir máis compromiso e mellor actitude da que están demostrando dende o comezo de liga”.



A expedición laranxa chegou onte pola mañá a terras murcianas para realizar o último adestramento da semana. Este mediodía ultimou detalles cunha sesión de vídeo.



Convocatoria  Burela FS Pescados Rubén: 1. Edu, 5. Iago Míguez, 7. Isi, 10. Matamoros, 11.Chano, 13. Álex, 17. Carlitos, 23. Antoñito, 27. Renato, 29. Ángel, 30 Hélder

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.