10/01/2015

O Burela FS cae ante o todopoderoso Barcelona (2-3) merecendo algo máis

O Burela FS cae ante o todopoderoso Barcelona (2-3) merecendo algo máis
O Burela FS Pescados Rubén caeu esta tarde na visita do todopoderoso FC Barcelona por un axustado 2-3, nun encontro no que os pupilos de Juanlu Alonso ofreceron unha grande imaxe; mereceron máis logo dunha primeira parte con vantaxe de 2-1 e cunha gran reacción na segunda parte, sendo competitivos ata o final. Estes tres puntos colocan os cataláns no liderado.

O conxunto laranxa saltou á pista dun ateigado Vista Alegre con forza. Non quixeron ceder nadiña de nada dos seus espazos, plantaron cara e sentenciaron. Xa no minuto 3, Matamoros inauguraba o electrónico desde saque de esquina de Isi. Con vantaxe de 1-0 e tras unha tentativa envelenada de Dyego, Iago, no minuto 8, volveu facer vibrar a bancada, cun balón que se estrelou no corpo de Paco Sedano. Segundos despois, Gabriel non perdoaba e superaba a Edu cunha picada; co empate e rozando o ecuador da primeira parte, o 5 barcelonés volvía tentar a meta do naronés sen éxito. Desde balón parado, no minuto 13, o Burela FS volveu mover o marcador; esta vez con finalización de Iago Míguez desde córner de Antoñito e Edu volveu ser determinante cunha prodixiosa man fronte a un lanzamento afastado de Saad. Tiveron máis ocasións os mariñáns para marcar distancias, pero non conseguiron definir; a máis clara para poñerse 3-1 antes do descanso de Chano, a pase de Iago, que salvou Lin, no minuto 18.

O titánico Barcelona saltou á pista na segunda parte para dar a volta ao marcador. Xa no minuto 21, Lin controlaba e definía fronte a Edu cun disparo raso cruzado e tan só 30 segundos despois Ferrao, de costas na área, subía en 2-3, a pase de Saad. Co electrónico por primeira vez en contra, os laranxas seguiron traballando para xerar ocasións de perigo fronte ao gran Barcelona. Intentouno Matamoros, no 23, de lonxe, e Antoñito non conseguiu chegar no centro de Paco Sedano asistido por Isi, no 28. Pero a grande oportunidade, a que levantou a bancada de Vista Alegre, protagonizouna Mata rozando o minuto 30 ante un gran despexe de Sedano. Correctísimo tamén estivo Edu ante a avalancha catalá nos seguintes minutos, freando dúas tentativas moi seguidas, de Saad e Wilde, que precederon outro balón de ouro para os burelistas; Iago Míguez tivo nas súas zapatillas o empate, a falta de tres minutos para o final, salvado in extremis por Wilde. Os pupilos de Juanlu apostaron polo xogo de cinco nos últimos 57 segundos liderado por Mata, que tivo de novo nos seus pés o empate a tan só 8 segundos, sen tempo para máis.

Ficha técnica

Burela Pescados Rubén: Edu, Isi, Matamoros, Carlitos, Antoñito, cinco inicial; tamén xogaron Iago Míguez, Hélder, Chano, Ángel

FC Barcelona: Paco Sedano, Gabriel, Lin, Saad, Wilde, cinco inicial; tamén xogaron Rafa Usín, Aicardo, Dyego, Ferrao, Adrián Ortego

Goles: 1-0, minuto 3, Matamoros; 1-1, minuto 8, Gabriel; 2-1, minuto 13, Iago Míguez; 2-2, minuto 21, Lin; 2-3, minuto 22, Ferrao

Árbitros: Gutiérrez Lumbreras // López Díaz (Madrid)

Tarxetas: Por Burela FS amarela a Isi (minuto 18). Por FC Barcelona amarela a Lin (minuto 30)

Incidencias: Partido correspondente á xornada 17 da Primeira División da Liga Nacional de Fútbol Sala disputado en Vista Alegre. 1300 espectadores

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.