09/04/2015

Juanlu non continuará a fronte do Burela FS

Juanlu non continuará a fronte do Burela FS

O adestrador do Burela FS Pescados Rubén de Primeira División LNFS, Juan Luis Alonso Doral, non continuará á fronte do equipo. O técnico madrileño, de 39 anos, chegou a un acordo co club para rescindir o contrato que o vinculaba á entidade ata finais de 2015-16; motivos familiares fixéronlle tomar esta decisión tras declinar a proposta laranxa de prolongar a súa estadía na Mariña por outra tempada, ata 2017.



“É un momento triste porque aquí sempre me sentín querido e valorado, sobre todo pola xente do club. No entanto na vida hai prioridades e ás veces hai que tomar decisións dolorosas” explicaba o preparador burelista. “Quero dar as grazas ao club por confiar en min e especialmente a Manolo e José Luis porque a súa confianza e apoio foron incondicionais e tamén a todos os profesionais do club polo doadas que sempre me puxeron as cousas” explicaba.



Lamentando profundamente que non poidan seguir escribindo xuntos a historia laranxa, o CD Burela FS Pescados Rubén agradece o traballo, compromiso, profesionalidade, honradez e seriedade de Juanlu ao longo destas tres tempadas e deséxalle sorte na súa nova andadura lonxe da Mariña. “Na historia do equipo masculino o paso de Juanlu marca un antes e un despois. Os éxitos acadados na mellor liga do mundo por un equipo humilde nestas  tempadas da man do adestrador deixan un recordo imborrable e quero agradecer especialmente a súa valentía e aposta pola entidade na difícil situación na que se fixo cargo do equipo” puntualizaba o vicepresidente burelista, Jose Luis Sáez.



Juanlu Alonso chegou ao club mariñán no ecuador da tempada 2012-13 para coller as rendas dun proxecto incipiente na elite futbolística que conseguiu recuperar enerxía no tramo final ligueiro e manterse na máxima categoría. En 2013-14, o Burela FS Pescados Rubén rematou a competición na sétima praza, accedendo a cuartos de play off e proclamouse subcampión de Copa Galicia. No terceiro exercicio do preparador capitalino á fronte do conxunto laranxa, a oitava praza na primeira volta de 2014-15 outorgou o premio da histórica estrea na Copa de España Cidade Real 2015, coa revolucionaria clasificación para semifinais.



Inter Movistar, Pinto FS, Azkar Lugo, Boomerang Interviú son só algúns nomes que figuran no percorrido de Juanlu polas pistas. Tras o seu paso por Levitt Las Rozas (2002-04), como referencia en Prata, e Carnicer (2000-01) e o todopoderoso Boomerang Interviú (2001-02, 2004-05), como segundo, en 2005-06 decantouse por Galicia e o Azkar Lugo, co que se proclamou campión da Recopa de Europa. En 2007-08, o Pinto FS e Juanlu conseguiron o ascenso á División de Honra. A dirección de Inter Movistar (2008-10) brindoulle os títulos da UEFA Futsal Cup e Copa e Supercopa de España, en 2009. Despois de preto de dúas tempadas no vestiario do Benicarló Aeroport Castelló, o madrileño comprometeuse cun proxecto ao lado da casa, o Navalagamella FS, de Segunda B, en 2012-13 antes de embarcarse no ilusionante periplo laranxa.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.