08/05/2015

Iago Míguez seguirá sendo laranxa ata 2017

Iago Míguez seguirá sendo laranxa ata 2017

O gol mariñán queda na casa. O pichichi Iago Míguez seguirá sendo laranxa ata 2017; así quedou reflectido na súa renovación co CD Burela FS Pescados Rubén. A ala-pivote mariñán, de 24 anos, estivo aompañado polo presidente do club, Manuel Blanco, e o directivo José Ángel Dovale para formalizar a súa continuidade.



“Renovar co equipo da casa sempre é doado; tiñamos as ideas claras polas dúas partes” aseguraba Iago, que recoñecía estar moi cómodo na súa terra e co seu equipo, co que medrou e madurou: “Síntome moi a gusto. Cada ano fun asentándome e collendo minutos importantes e con máis protagonismo. En números esta foi a mellor tempada, pero sobre todo estou contento porque os minutos serviron para axudar o equipo a cerrar unha boa tempada” analizaba o 5 laranxa a súa experiencia sénior en Burela desde 2011, facendo balance tamén de 2014-15: “Desde que estamos en Primeira esta foi a mellor tempada; este ano conseguimos obxectivos importantes. O equipo soubo sobrepoñerse ao gran hándicap das lesións e clasificarse para a Copa de España. A priori moitos non contaban con Burela e conseguilo foi un gran mérito, que completamos sabendo competir en Cidade Real; foi un momento especial, sempre quedará na memoria de todos”.



Iago Míguez aposta por seguir dando pasos cara adiante en 2015-16, coa estrea de Daniel Ibañes no banco: “Estou seguro de que seguiremos en progresión”, aseguraba o burelao, que tamén quixo agradecer o labor de Juanlu, que “nos axudou e ensinou moito tanto aos xogadores máis novos coma a min; se hoxe estou aquí, con estes números, é grazas a el”.



Desde a directiva, Manuel Blanco mostrouse moi orgulloso de contar con Iago para seguir construíndo o proxecto burelista en Primeira: “Estamos moi contentos; esta renovación é a primeira pedra dun equipo sólido que volverá apostar pola estrutura de 2014-15. Iago é un xogador da casa, que conseguiu medrar co equipo grazas ao seu traballo, compromiso e dedicación. É a mellor referencia, o exemplo para as categorías de base”.




 

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.