03/06/2015

Chano, cuarta renovación burelista

Chano, cuarta renovación burelista

O pivote Sebastián Vargas Otero, Chano, cumprirá o seu segundo ano nas filas do CD Burela FS Pescados Rubén. O gaditano, que convértese na cuarta renovación do club laranxa, formalizou contrato para 2015-16 xunto ao presidente, Manuel Blanco, e o directivo Audítor Rodríguez nas instalacións da empresa patrocinadora Limpezas Lema en Lourenzá.



“O interese existía polas dúas partes e dende que se coñeceu a chegada de Daniel Ibañes o acordo acelerouse; todo foi moi doado” admitía Chano, satisfeito coa súa experiencia en Burela, a pesar das lesións, e con ganas de seguir mellorando para a próxima tempada. “Custoume entrar na primeira volta pero ao final acabei ben, respondendo nos partidos importantes. Para 2015-16 intentarei buscar a regularidade que me faltou esta tempada e mellorar en todos os sentidos, tanto en defensa coma en ataque, para poder ser esa referencia que precisa o equipo, coa baixa de Mata” explicaba o 11 laranxa.



“Espero que o próximo ano poidamos gozar tanto ou máis ca este. Foi unha gran tempada; disfrutamos moito da Copa e se chegamos a clasificarnos para play off, do que nos afastou un mal comezo da segunda volta, sería un éxito rotundo. Se nos respectan as lesións, algo que non pasou esta tempada, o demais dependerá de nos. Hai un bo bloque e un bo grupo de amigos que pelexará por cumprir o que se espera de nós” adiantaba Chano con ilusión.



Dende a directiva laranxa, Manuel Blanco congratulouse da continuidade de Chano como “unha garantía para o equipo tanto en defensa coma en ataque, que a pesar dos contratempos iniciais conseguiu amosar o seu mellor nivel na recta final, co que poderemos seguir contando”.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.