24/08/2015

Shiori: 'Estou moi contenta por regresar a Burela'

Shiori: 'Estou moi contenta por regresar a Burela'

Outra das caras xa coñecidas do CD Burela FS Pescados Rubén 2015-16 chega con aires de Oriente. A ala-pivote Shiori Nakajima, que non puido finalizar a tempada coas laranxas por motivos burocráticos, volve á entidade galega moi ilusionada. “Estou moi contenta por regresar a Burela; sempre foi a miña primeira opción. No meu primeiro ano a integración foi moi boa e estou aprendendo moito en Galicia, dunha cultura moi interesante”. O presidente da entidade mariñá, Manuel Blanco, e o directivo Alberto Fernández aplaudiron a renovación da internacional nipona, que cumprirá a súa segunda campaña na Mariña, salientando “a súa fortaleza e compromiso co equipo”.



O sábado, na segunda cita de pretempada para as mariñás, Shio estreouse na súa conta goleadora, aínda que non lles serviu ás laranxas para facerse coa vitoria en Ourense. A 18 burelista adiantouse no minuto 10, aínda que en dous erros puntuais o Ourense Envialia deu a volta ao marcador (minutos 19 e 31). Na recta final, con Peque abandeirando o xogo de cinco, chegou o definitivo 3-1 para as locais.



Coa axenda aínda aberta para posibles amigables, o cadro de Lucas continuará co seu programa de adestramentos coa mirada posta no 6 de setembro, data do partido de ida de Supercopa de España, fronte ao Atlético de Madrid Navalcarnero (Vista Alegre, 13.00 horas).

Noticias destacadas

Meira regresa ao Burela FS “para escribir unha nova historia e rematar algo que quedou incompleto”

O ala-peche brasileiro, que aportará disciplina táctica, experiencia e continuidade en ataque, é a sexta incorporación do conxunto laranxa

O Burela FS masculino incorpora traballo e velocidade co ala madeirense Marquinho

O portugués, que procede do KS Eurobus Przemysl polaco, convértese na quinta fichaxe do conxunto preparado por David Rial

A burelá Cris Blanco tamén se apunta a Primeira

A ala-peche canteirá, que debutou na máxima categoría con 15 anos, regresa á Primeira Iberdrola “con moitas ganas e ilusión”