24/11/2015

Vista Alegre mantén a súa solvencia, con 5-1 sobre Levante

Vista Alegre mantén a súa solvencia, con 5-1 sobre Levante

Vista Alegre reafirmou unha vez máis a súa solvencia outorgándolle ao Burela FS Pescados Rubén unha importantísima vitoria con 5-1 sobre o Levante UD DM, tres días antes de medirse ao titánico ElPozo Murcia (venres 27, 21.00 horas).



Antoñito tan só tivo que acariñar un balón desde a banda de Chano para subir no minuto 5 o 1-0. Os galegos ampliaron a renda chegando ao ecuador da primeira parte; Iago Rodríguez sentenciou en raso desde balón parado de Isi, aínda que segundos despois reduciu o Levante; o disparo afastado de Márquez despistou a Edu tras tocar levemente na defensa laranxa. O naronés impediu a igualada no minuto 12, fronte Márquez primeiro en galopada e despois ante Pichi. Tras a mellor ocasión dos laranxas, cun man a man de Antoñito con Yeray no 14, ambas as escuadras alternaron dardos envelenados no 16; o disparo de Sena desde a banda non atopou resposta ao segundo pau e marchou polo fondo e Iago Rodríguez quedou sen ángulo tras deixar a Yeray cravado ao bordo da área. A falta de pouco máis de dous minutos para o descanso, o pau evitou o empate do Levante na tentativa de rexeite de Chano fronte a Kiko Berrocal.



No reinicio, ambas as escuadras redobraron forzas, cun xogo máis rápido e un Levante máis adiantado. Tras as tentativas iniciais dos visitantes, Jorge quixo sorprender cun disparo demasiado alto. Probou máis tarde Antoñito, tras asistencia de Chano, pero o balón foi parar ás mans de Yeray. Edu fixo o propio desbaratando dous mísiles de Hugo, no 26 e 27. Vista Alegre viviu alternativas de embestidas rozando a medianía da segunda parte, co naronés pletórico ante Jordi. Tras dobre axexo de Iago Rodríguez sobre a meta levantina sen éxito, Márquez enfundouse na camisola de porteiro xogador os últimos cinco minutos, ante unha férrea defensa local. Pelexaron os de Daniel Ibañes por sorprender ao Levante en contragolpe. Chano ampliou as distancias ata o definitivo 5-1, superando por arriba a Márquez baixo os paus a falta de 12 segundos para o final, e puxo o broche sobre a bucina desde propia pista.



Ficha técnica



CD Burela FS Pescados Rubén: Edu, Isi, Iago Rodríguez, Jorge, Chino, cinco inicial; tamén xogaron Chano, Iago Míguez, Antoñito



Levante UD DM: Yeray, David Ruiz, Márquez, Kiko Berrocal, Pichi, cinco inicial; tamén xogaron Sena, Hugo, Jordi, Oviaño, Cristian



Goles: 1-0, minuto 5, Antoñito; 2-0, minuto 9, Iago Rodríguez; 2-1, minuto 10, Márquez; 3-1, minuto 33, Chino; 4-1, minuto 39, Chano; 5-1, minuto 39, Chano



Árbitros: Contreras Tejedor // Pérez Álvarez (Castilla e León). Por Levante, amarela Jordi, Borja, Márquez, Kiko, Cristian, Sena, Yeray, Hugo



Incidencias: Partido correspondente á duodécima xornada da Primeira División da LNFS disputado en Vista Alegre, con preto de 900 afeccionados.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.