05/12/2015

Burela FS Pescados Rubén 0-5 FC Barcelona Lassa

Burela FS Pescados Rubén 0-5 FC Barcelona Lassa
Vista Alegre arrincou a Tarde Laranxa con aforo completo na visita do xigante FC Barcelona. Os máis de 1.200 afeccionados das bancadas laranxas gozaron dun encontro no que o CD Burela FS Plantou Rubén plantou cara ao equipo de estrelas internacionais, cunha primeira parte moi seria dos da Mariña, con grandes ocasións para igualar aos cataláns, que se foron ao descanso con vantaxe de 0-2.

Os da casa saíron a dar a sorpresa; xa nos compases iniciais Chino e Isi buscaron a Paco Sedano. Poucos segundos logo de cumprirse o primeiro minuto de xogo Dyego abriu o marcador pola escuadra a pase de Wilde. Non se deixaron amilanar os da Mariña, freando a xenialidade blaugrana e pelexando por atopar algunha feda na imperturbable defensa do gran Barcelona. No minuto 7, os de Daniel Ibañes dispuxeron das súas primeiras oportunidades, dous balóns de ouro; Paco Sedano freou a embestida de Jorge, que se apoiou en Chano, tras saque de banda e pouco despois Antoñito, só ante o meta barcelonés, chegou tarde ao pase de Chano. Antes de chegar á medianía da primeira parte, Chino tivo nas súas zapatillas o empate, dentro da área corpo a corpo con Sedano, desde balón parado de Isi. No minuto 15, Aicardo dispuxo da mellor ocasión do Barcelona tras o gol; Edu, axudado polos paus, encargouse de desartellala. A tan só 19 segundos para o descanso, Aicardo en xogada de estratexia anotou o 0-2, desde Wilde.

No reinicio, logo dunha grande ocasión de Iago Rodríguez corpo a corpo co meta catalán, Lin ampliou a fenda a pase de Wilde (0-3, minuto 22). Segundos despois Jorge Bellvert intentou abrir a lata para os laranxas cun disparo desde a banda que se estrelou contra a madeira. A piques de cumprirse o minuto 25, a escuadra mariñá optou por xogo de cinco liderado por Iago Rodríguez. Non atopou a resposta esperada o conxunto laranxa; o sempre perfecto Barcelona Lassa aproveitou e chegou o cuarto, nunha recuperación que culminou Batería a porta baleira (minuto 27) desde propia pista. Pelexaron ata a extenuación os de Daniel Ibañes por conter a xenialidade das estrelas blaugranas, cun concienzudo traballo de Edu. Na recta final, Esteban subiu o definitivo 0-5 nun rexeite de Edu que petou en Hélder.

A liga de Primeira División LNFS volverá o venres 18. O Burela FS Pescados Rubén visitará a pista do UMA Antequera (21.00 horas) na última xornada da primeira volta.

Ficha técnica

CD Burela FS Pescados Rubén: Edu, Isi, Iago Rodríguez, Chano, Chino, cinco inicial; tamén xogaron Iago Míguez, Antoñito, Jorge Bellvert, Hélder

FC Barcelona Lassa: Paco Sedano, Tolrà, Dyego, Saad, Wilde, cinco inicial; tamén xogaron Aicardo, Lin, Batería, Ferrao, Juan Emilio, Esteban

Goles: 0-1, minuto 1, Dyego; 0-2, minuto 19, Aicardo; 0-3, minuto 22, Lin; 0-4, minuto 27, Batería; 0-5, minuto 39, Esteban

Árbitros: Del Pozo García // Múnez Carpintero (Madrid). Por Burela FS, amarela a Jorge Bellvert (minuto 7), Chino (minuto 9), Iago Rodríguez (minuto 19), Isi (minuto 34), Chano. Por Barcelona amarela a Saad (minuto 10)

Incidencias: Partido correspondente á 14ª xornada da Primeira División da LNFS disputado en Vista Alegre. Aforo completo

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.