08/01/2016

Burela FS 2-3 Magna Gurpea

Burela FS 2-3 Magna Gurpea
Non viviu o Burela FS Pescados Rubén o seu mellor encontro en Vista Alegre esta tarde. Os mariñáns caeron 2-3 fronte ao Magna Gurpea, cunha primeira parte cuxo equilibrio se reflectiu no marcador ao descanso, con 1-1; no reinicio os laranxas víronse obrigados a remar contra corrente xa desde o minuto 23 con 1-3, un lastre demasiado pesado, do que só se puideron liberar lixeiramente con porteiro xogador, na recta final.

Protagonizaron os laranxas as mellores ocasións con perigo, aínda que lles faltou definición. Iago Rodríguez, en galopada, e Chano, desde balón parado, deron os primeiros avisos no minuto 4, e de novo o 11 mariñáns volveu sacar brillo á súa xenialidade no 6 revolvéndose na área navarra. Antes, Jesulito, de vaselina, e Eseverri, desde saída de banda, tiveron as primeiras dos visitantes, ante un atento Álex baixo os paus.

Tras a medianía da primeira parte, foron os peores minutos dos locais. Iago Rodríguez salvou in extremis un pase de Yoshikawa a Roberto Martil (minuto 12) e Eseverri, no 13, fixo tremer o pau. Nada puido facer Álex fronte a Rafa Usín no minuto 15, que anotou o 0-1 raso rozando o pau. No entanto, os de Daniel Ibañes non perderon tempo en lamentarse e pelexaron pola igualada, que chegou segundos despois nas zapatillas de Jorge Bellvert asistido desde a banda por Antoñito. Antes do descanso, as ocasións máis claras protagoniáronas Víctor por arriba superando a Álex, no 16, e Antoñito recortando a defensa navarra e intentando sorprender a Asier, no 17.

No segundo acto, xa na primeira xogada, Iago Rodríguez recibiu un balón de ouro ao bordo da liña de meta que non puido controlar. Con todo, o Magna si que volveu aproveitar; segundos despois Rafa Usín subiu o 1-2, tras roubo de Roberto Martil. Eseverri, no 23, ampliou distancias, con remate desde saque de esquina. Non baixaron os brazos os de Daniel Ibañes, aínda que lles faltou intensidade. Hélder intentou sorprender a Asier, no 27 e 28, pola banda e de lonxe; máis tarde puido recortar a fenda Iago Míguez, que recuperou na pista navarra pero estrelouse co gardameta. No minuto 30, Chino enfundouse na camisola azul para liderar o xogo de cinco; dispuxo o propio porteiro xogador, en solitario, dun balón que acabou liquidando Asier por arriba coas mans. A falta de 58 segundos Iago Míguez rubricou o 2-3, superando por abaixo a Yoshikawa. Antes da bucina final, Antoñito caeu fronte a Asier co que podía ser o empate.

Ficha técnica

CD Burela FS Pescados Rubén: Álex, Iago Míguez, Carlitos, Jorge, Antoñito, cinco inicial; tamén xogaron Chano, Iago Rodríguez, Chino, Hélder

Magna Gurpea: Asier, Jesulito, Roberto Martil, Rafa Usín, Eseverri, cinco inicial; tamén xogaron Yoshikawa, Víctor, Dani Saldise, Carlitos,

Goles: 0-1, minuto 15, Rafa Usín; 1-1, minuto 16, Jorge Bellvert; 1-2, minuto 20, Rafa Usín; 1-3, minuto 23, Eseverri, 2-3, minuto 39, Iago Míguez;

Árbitros: González Moreta // Sánchez Chamorro (Castela e León). Por Burela amarela a Iago Rodríguez e Álex. Por Magna amarela a Jesulito (minuto 32), Eseverri (minuto 37)

Incidencias: Partido correspondente á 18ª xornada da Primeira División da LNFS disputado en Vista Alegre. Sobre 900 afeccionados.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.