09/01/2016

Goleada laranxa (7-3) fronte a Móstoles para estrear 2016

Goleada laranxa (7-3) fronte a Móstoles para estrear 2016
O Burela FS Pescados Rubén retomou a competición de Primeira RFEF en 2016 con goleada e brillo especial de Peque, que rubricou 4 dos 7 tantos fronte a Móstoles FSF (7-3), esta tarde en Vista Alegre. As de Lucas despregaron un dominio incontestable creando moitos problemas ás visitantes para saír en contragolpe. Con este resultado, as laranxas sitúanse a 2 puntos do líder, Atlético de Madrid, que empatou 4-4 en Alacante.

No minuto 2, as da Bomboneira poñíanse por diante; Gaby conseguiu desmarcarse fronte a Ana Etayo para recibir o pase desde a banda de Peque. Continuaron no seu asedio as locais, con perigo de Maite no 5 e 6 e Lara no 8. Cumpríndose o 10 de xogo, Inma salvou baixo os paus unha tentativa de vaselina de Gaby, que esperaba Maite para rematar. No 11, Lara seguiu coa embestida, corpo a corpo, con Etayo. As mostoleñas, con escasa marxe de manobra na saída de balón, conseguiron reducir levemente a finalización das laranxas no tramo final, aínda que nada puideron facer ante o brillo da sempre xenial Peque, que se quedou soa ante Ana Etayo e superouna cunha preciosa vaselina (minuto 17). A falta de 3 segundos para o descanso, Patri Chamorro quixo sorprender a Andrea cun disparo desde media pista que sacou a laranxa coa man. O agasallo mostoleño chegou na última xogada antes do ecuador, anotando María Otero desde saque de esquina (2-1). O Burela FS fixo méritos para escoitar a bucina con máis vantaxe.

As de Lucas regresaron á pista con moita intensidade. Tardaron seis minutos en volver abrir a lata as mariñás, cunha recuperación de Lara que finalizou Peque dun disparo raso. No minuto 28, o dominio sobre a pista reflectíase á perfección no luminoso, co hattrick de Peque (minuto 27), desde o chan logo de superar á defensa visitante pola banda, e Ceci (minuto 28), aproveitando un rexeite ao bordo da liña de meta desde tentativa de Claudia. Rozando a medianía do segundo acto, o Móstoles intentou mitigar a embestida burelista con porteira xogadora e atopou recompensa no minuto 31, con 5-2 de Patri Chamorro. Non se conformou o Pescados Rubén, que anotou o sexto no minuto 35, cunha inspiradísima Peque, que finalizou desde a liña de fondo, sen apenas ángulo, logo de pasearse o balón por diante da portería de Etayo. A moza Emm saltou á pista na recta final con ganas de máis gol; asinou o 7-2. Segundos despois, Inma maquillou o resultado definitivo con 7-3, tras falta de entendemento nas filas locais.

A única nota negativa protagonizouna Emm, que tivo que retirarse no seu debut por unha lesión de xeonllo.

Ficha técnica

CD Burela FS Pescados Rubén: Andrea, Peque, Gaby, Bea Mateos, Maite, cinco inicial; tamén xogaron Ceci, Claudia, Lara, Judith, Emm

Móstoles FSF: Ana Etayo, Patri Chamorro, Celia, María Otero, Inma, cinco inicial; tamén xogaron Ballesteros, Rocío

Goles: 1-0, minuto 2, Gaby; 2-0, minuto 17, Peque; 2-1, minuto 19, María Otero; 3-1, minuto 26, Peque; 4-1, minuto 27, Peque; 5-1, minuto 28, Ceci; 5-2, minuto 31, Patri Chamorro; 6-2, minuto 35, Peque; 7-2, minuto 38, Emm; 7-3, minuto 38, Inma

Árbitros: Valdés Obaya, Héctor // Zarza Sánchez, Óscar (Asturias)

Incidencias: Partido correspondente á 13ª xornada de Primeira División RFEF, disputado en Vista Alegre. Arredor de 400 espectadores.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.