27/02/2016

Burela FS Pescados Rubén 1- 6 Catgas Santa Coloma

Burela FS Pescados Rubén 1- 6 Catgas Santa Coloma
O Burela FS Pescados Rubén caeu esta tarde na visita do Catgas Santa Coloma, cun excesivo castigo. A entrega dos laranxas non puido neutralizar a un equipo de gran potencial ofensivo que viviu en Vista Alegre o partido soñado, adiantándose xa antes de cumprirse o primeiro minuto de xogo, cun gardameta que o parou todo ante as innumerables ocasións dos galegos e o acerto de Adolfo, con póquer no definitivo 1-6.

Xerro de auga fría nada máis empezar o encontro; os visitantes adiantáronse no marcador aos 19 segundos de xogo tras unha recuperación na pista visitante, con disparo raso de Dani Salgado. Antes do segundo minuto, os mariñáns avisaron a Prieto con moitísimo perigo con Petry, nun disparo alto que cazou o meta catalán prodixiosamente, e Chano, desde saque de esquina. Pouco despois, no 3, Antoñito intentouno de tacón nun balón que se foi polo fondo desviado. Nun encontro con moitísimo ritmo, con Prieto moi acertado ante as embestidas laranxas, o Santa Coloma aproveitou unha falta para ampliar distancias, no minuto 10, nas zapatillas de Adolfo, que anotou o 0-3 no 12, tamén a balón parado, desde saque de esquina de Rubén. Apostaron os de Daniel Ibañes por porteiro xogador a falta duns cinco minutos para o descanso, con Isi liderando, pero a fortuna deulles as costas e chegou o cuarto en contra, de Rafa López. Asediaron ata a saciedade os de Burela a área barcelonesa, cun omnipresente Prieto infranqueable.

Reiniciouse a cita en Vista Alegre mantendo a súa alianza co gol os de Santa Coloma, con Adolfo asistido por Dani Salgado (0-5), no minuto 22. Estrelándose contra o acerto do porteiro catalán, o Pescados Rubén volveu recorrer ao ataque de cinco, no 29. Pouco despois chegou o máis que merecido gol, de Jorge Bellvert a pase de de Chino (minuto 30). Seguiu pelexando o conxunto mariñán con porteiro-xogador; puido recortar Iago Rodríguez no 35, só ante a inspiración de Prieto. A falta de 12 segundos para a bucina final, Catgas anotou o definitivo 1-6, con nova aparición de Adolfo, en rexeite desde o lanzamento de dobre penalti de Dani Salgado.

Ficha técnica

CD Burela FS Pescados Rubén: Edu, iago Rodríguez, Chano, Pety, Jorge Bellvert, cinco inicial; tamén xogaron Antoñito, Isi, Chino, Hélder, Carlitos

Catgas E. Santa Coloma FS: Prieto, Rubén, Adolfo, Dani Salgado, Rafa López, cinco inicial; tamén xogaron Fabián, Sepe, Pablo do Moral, Corvo

Goles: 0-1, Dani Salgado, minuto 1; 0-2, Adolfo, minuto 10; 0-3, Adolfo, minuto 12; 0-4, Rafa López, minuto 15; 0-5, Adolfo, minuto 22, 1-5, Jorge Bellvert, minuto 30; 1-6, Adolfo, minuto 39

Árbitros: Contreras Tejedor // Pérez Álvarez (Castela e León). Por Burela FS amarela para Iago Rodríguez (minuto 8), Jorge Bellvert (minuto 10). Por Santa Coloma, amarela a Pablo de Moral (minuto 10)

Incidencias: Partido correspondente á 22ª xornada da Primeira División da LNFS disputado no pavillón Vista Alegre de Burela. 800 afeccionados

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.