19/03/2016

A oitava praza queda na Mariña

A oitava praza queda na Mariña
Vista Alegre e o Burela FS Pescados Rubén aliáronse esta tarde para non deixar escapar da Mariña a oitava praza nun intenso duelo fronte ao Peñíscola RehabMedic (3-2), por momentos certamente tolo, cun primeiro acto cuxo equilibrio se reflectiu no marcador ao descanso (1-1) e un segundo capítulo con máis méritos dos laranxas.

Adiantouse o Peñíscola cunha punteira de Juanqui en pase longo de Yeray; aínda non se cumprira o minuto 4 de xogo. Repúxose o Burela FS xerando perigo; a primeira grande ocasión protagonizouna Iago Rodríguez no minuto 8, desbaratada polo largueiro. Superado o ecuador da primeira parte, Bruno tivo o empate nas súas zapatillas tras recuperación de Chano; fronte a Gonzalo, só, o balón raso foise desviado. Pouco despois o meta de Peñíscola apareceu brillantemente ante Chino. No 13, a madeira volveu frustrar as intencións envelenadas dos de Daniel Ibañes; soubo encarar Chano a Juanqui achegándose á área visitante, aínda que non puido rematar Petry, outra vez ao pau. Gonzalo, o mellor do Peñíscola na cita, freou a zurda de Chano no 18, pero nada puido facer a falta de 57 segundos para o descanso ante a virtuosidade do 11 laranxa recibindo en pivote. Antes, con menos traballo que o seu homólogo nas filas rivais, Edu estivo perfectísimo ante dobre perigo.

Regresou a contenda sobre o parqué con 1-1, con máis axexo dos mariñáns. Co paso dos minutos, o encontro cobrou en rapidez e intensidade, con momentos sen dominador claro. Rozando a medianía da segunda parte, ambos os porteiros alzáronse como os grandes protagonistas, primeiro Gonzalo ante Iago Míguez e Iago Rodríguez e despois Edu ante Yeray. Volveu ser obstáculo o 1 de Peñíscola a balón parado de Chino, pero o goleador seguiu insistindo tirando de eficacia en picada de Isi para anotar o 2-1 (minuto 30). Respondeu ao momento o Peñíscola co 2-2 de Juanqui. O Pescados Rubén, cun Chano moi incisivo, atopou de novo a vantaxe nun penalti transformado polo 11 laranxa, tan só un minuto despois. A falta de catro para o final, os de Carlos Sánchez saíron con Yeray en xogo de cinco. Tivo Iago Míguez o 4-2 fronte ao porteiro-xogador no 37, chocando co corpo do rival. Mantívose moi sólido en defensa o Burela FS en defensa con Edu moi inspirado. Aínda dispuxeron os mariñáns dun dobre penalti nos últimos segundos que Chin estrelou contra o corpo de Iván Reverte.

Ficha técnica

CD Burela FS Pescados Rubén: Edu, Iago Míguez, Iago Rodríguez, Carlitos, Antoñito, cinco inicial; tamén xogaron Chano, Isi, Bruno, Chino

Peñíscola RehabMedic FS: Gonzalo, Juanqui, A. Verdejo, Eric Martel, Asensio, cinco inicial; tamén xogaron Josiko, Yeray, Carlinhos, Míchel, Javi Alonso, Fran Conde, Iván Reverte

Goles: 0-1, minuto 3, Juanqui; 1-1, minuto 19, Chano; 2-1, minuto 30, Chino; 2-2, minuto 31, Juanqui; 3-2, minuto 32, Chano (penalti)

Árbitros: Gallo Suárez // Velasco Martínez (Asturias). Por Burela amarela Chino (minuto 27), Antoñito (minuto 40), Carlos. Por Peñíscola amarela a Juanqui (minuto 11), Eric (minuto 27), Míchel (minuto 32), Josiko (minuto 33), Carlinhos

Incidencias: Partido correspondente á 24ª xornada da Primeira División da LNFS disputado no pavillón Vista Alegre de Burela. 800 afeccionados. Minuto de silencio antes do asubío inicial polo falecemento de Sara Mon, nai da cofundadora de Pescados Rubén SL, Cesarina Fanego

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.