15/04/2016

Maite: 'Suponse que somos favoritas pero cada partido é un mundo'

Maite: 'Suponse que somos favoritas pero cada partido é un mundo'

O CD Burela FS Pescados Rubén cruzou o norte español esta noite para medirse ao Gironella FS mañá a partir das 17.30 horas, na 24ª xornada de Primeira RFEF. “Suponse que somos favoritas pero cada partido é un mundo. Temos baixas e algunhas chegamos sen estar ao cento por cento, pero debemos sacar o partido adiante para seguir pelexando por todo” advertía a capitá laranxa Maite, que viaxou a terras catalás sen adestrar durante a semana por un proceso catarral; tampouco estará en plenitude de facultades Gaby, que aínda arrastra molestias de xeonllo. Lara e Jozi, lesionadas, quedaron en Burela.



Mocidade, rapidez e atrevemento son para Maite as grandes bazas do rival catalán, que ocupa a undécima praza (26 puntos), ao que as laranxas se impuxeron en Vista Alegre por 5-1. “Espero un partido similar ao da primeira volta. Esperarannos en media pista e subirán a liña de presión aos poucos. Ten xogadoras novas e rápidas, que en Burela xa foron atrevidas por momentos. Pódennos facer dano á contra coa súa rapidez, aínda que nós tamén temos xogadoras rápidas e non temos preguiza para o repregue” explicaba unha das referencias de solidez no equipo de Lucas en vésperas da 24ª xornada, confesando ademais a súa satisfacción co rendemento da tempada: “Estou moi ben, nun bo momento físico, con bastante forza e bastante confianza; cada vez está máis preto o gran partido con Navalcarnero e iso tamén axuda” recoñecía entre risas a 17 laranxa, que xa computa na súa cuadrícula goleadora 11 tantos.



O equipo de Lucas realizará a última sesión da semana esta tarde no seu destino, ás 17.00 horas.



No cume clasificatorio, o Atlético de Madrid Navalcarnero, que mantén a vantaxe de 2 puntos sobre as mariñás, recibe o Poio Pescamar, décimo (27 puntos).



CD Burela FS Pescados Rubén: 3. Dany, 5. Claudia, 7. Peque, 9. Gaby, 11. Ceci, 13. Andrea C., 14. Bea Mateos, 15. Judith, 17. Maite, 31. Eva
 



 

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.