28/05/2016

Vitoria sen contemplacións sobre o Valdetires (7-2) co título a só 40 minutos

Vitoria sen contemplacións sobre o Valdetires (7-2) co título a só 40 minutos
A Marea Laranxa viviu unha tarde de celebración. Viviu ao grande o último derbi irmandiño da tempada e despediu a liga na Mariña, na penúltima xornada, con vitoria sen contemplacións sobre o Valdetires Ferrol FSF (7-2), que chegaba a Burela coa esperanza de manterse en Primeira, aínda que non se puido facer realidade. A escuadra de Iván Cao, Lucas, gozou dun encontro tranquilo para os seus intereses sen deixar respirar ao rival no seu asedio e avantaxando xa ao descanso en 4-1.

A superioridade das laranxas atopou a súa recompensa no minuto 8 nas zapatillas de Claudia, empuxando soa no segundo pau tras recuperación de Peque. Tras a segunda grande ocasión laranxa, de Bea Mateos, rozando o ecuador, Maite subiu o 2-0 no minuto 12, desde o chan; poucos segundos despois, Gaby aproveitou en rexeite unha tentativa de Peque, que perforou a rede pola escuadra. Nada máis saltar á pista, a novísima Judith, no minuto 16, asinou o 4-0 en tres contra dous. O Valdetires tan só puido recortar distancias cun balón morto na área tras rexeite de Jozi, a falta de pouco máis dun minuto para o descanso.

Regresaron as laranxas en tromba na segunda parte, con Andrea baixo os paus locais. Aproveitaron a aposta por xogo de cinco con Andre das ferrolás; xa no 21, Dany anotou a porta baleira; pouco despois, no 22, un pase de Dany que tocou en Lidia transformouse no 6-1. Cun dominio asfixiante das mariñás resistiuse o luminoso nos seguintes minutos, con ocasións de ouro de Maite e Peque antes do ecuador. No minuto 32, Andre minguou a avalancha local aproveitando un erro das de Vista Alegre e anotou o 6-2 en galopada, ante Eva adiantada; pero segundos despois volveu o gol laranxa nun lanzamento de Judith desde a banda que meteu Belén en tentativa de despexe (7-2). A Bomboneira viviu unha festa apotetsica na recta final, sen deixar de xerar perigo na pista; a bancada despediu ao grande a tempada, con ovación para Peque e Maite no seu último partido na casa como burelistas.

Ceci non puido participar no encontro por unha escordadura de nocello sufrida durante o quentamento.

O soño laranxa cada vez está máis preto, a tan só un partido. Sábado 4, 18.00 horas, última xornada, en Logroño, ante o FSF Rioja.

Ficha técnica

CD Burela FS Pescados Rubén: Jozi, Dany, Gaby, Bea Mateos, Maite, cinco inicial; tamén xogaron Claudia, Peque, Silvia Rubal, Judith, Andrea, Eva

Valdetires Ferrol FSF: Nere, Lidia, Albita, Diana, Eri, cinco inicial; tamén xogaron Peli, Belén, Andre

Goles: 1-0, minuto 8, Claudia; 2-0, minuto 12, Maite; 3-0, minuto 12, Gaby; 4-0, minuto 16, Judith; 4-1, minuto 18, Peli; 5-1, minuto 21, Dany; 6-1, minuto 22, Lidia (p.p.), 6-2, minuto 32, Andre; 7-2, minuto 33, Belén (p.p.)

Árbitros: Carlos Suárez Branco // David Castro Bermúdez (Lugo). Por Valdetires amarela a Diana (minuto 16)

Incidencias: Partido correspondente á 29ª xornada da Primeira División RFEF disputado no pavillón Vista Alegre de Burela. Arredor de 800 espectadores

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.