02/08/2016

Lara cumprirá a sétima de laranxa

Lara cumprirá a sétima de laranxa

A viveirense Lara Balseiro formalizou esta semana a continuidade nas filas do CD Burela FS Pescados Rubén no que se converterá na súa sétima tempada na entidade; estivo apoiada polo presidente, Manuel Blanco, e o fundador de Pescados Rubén, Rubén Blanco, que aplaudiron a renovación dunha xogadora que reúne “mocidade e veteranía laranxa, ademais de ser da casa e de formarse aquí”.



Aos seus 23 anos, a 10 mariñá afronta o reto de novos obxectivos con entusiasmo, pensando xa no traballo e logo dunha tempada minguada polas lesións. “Volvo con moita ilusión, con ganas de seguir mellorando e facer as cousas ben. Cando un deportista se lesiona e lle gusta tanto o que fai pois pásase un pouco mal pero agora este verán estiven totalmente centrada na miña recuperación e case estou ao cento por cento” explicaba Lara, deixando atrás os problemas de nocello que lle impediron participar con asiduidade nas rotacións no exercicio pasado.



Tras as alegrías de 2015-16, a ala burelista aposta pola esencia laranxa para seguir escribindo a historia dun equipo que non ten teito: “Será moi complicado volver repetir o do ano pasado, é case inigualable e máis coa marcha de xogadoras importantes. Pero o Burela sempre aposta polo equipo feminino; seguiremos tendo un bloque competitivo e intentaremos estar o máis arriba posible. O único que podemos prometer é o de todos os anos, esforzo e deixarnos a pel en Vista Alegre para que o Burela quede nunha boa posición”, concluía Lara.



 

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.