07/10/2016

Volta a Vista Alegre un retornado á elite, UCAM Murcia FSF

Volta a Vista Alegre un retornado á elite, UCAM Murcia FSF

Despois dunha semana con dobre compromiso ligueiro a domicilio, o Pescados Rubén-Burela FS volta a Vista Alegre este sábado (18.30 horas) para medirse na 5ª xornada ante un retornado á elite tras cinco tempadas en Segunda, o UCAM Murcia FSF.



“Non están tendo moita sorte no regreso a Primeira, pero estou segura de que será un partido complicado porque os dous precisamos os puntos e o UCAM sempre se definiu por ser un equipo moi loitador” falaba así Silvia Rubal do rival, que ata o momento só puido puntuar na última xornada, empatando 3-3 con Gironella; antes sucumbiu a Roldán (4-2), Alicante (0-1) e Móstoles (4-2).



A 6 laranxa asegura que está é unha semana propicia para encamiñarse na boa senda de resultados despois dos tres primeiros puntos traballados lonxe da Mariña. “Vivimos unha semana intensa nos adestramentos, algo que debemos manter para poder reflectilo na pista. O pesar pola falta de sorte nos últimos minutos ante o Atlético (2-1), o xoves, desapareceu por completo o sábado co resultado de Majadahonda FSF (1-5); a victoria axudounos a comezar a semana moi motivadas”, recoñecía Silvia, unha das protagonistas goleadoras do último triunfo burelista, xunto a Dany e Betim: “Estou moi contenta, non só polos goles -con 3 dianas en 4 xornadas-, senón por todo o que poida axudar; o importante é que o equipo puntúe e iso sirva para subir na táboa”, confesaba a burelá.



O vestiario mariñán volverá contar coa presenza de Jozi, que regresou do Brasil a comezos da semana. Para a meta Ana Romero esta será a última cita de burelista, antes da súa marcha a Inglaterra por compromisos laborais contraídos con anterioridade ao acordo co club burelista; o Pescados Rubén agradece o traballo e axuda da gardameta durante estas semanas e agarda volver contar cos seus servizos tras a súa estancia no estranxeiro.



Á ausencia de longa duración de Emma, súmase R. Betim, que estará afastada das pistas sobre tres semanas por unha rotura de fibras; Paula e Judith regresan á convocatoria xa recuperadas.



Lucas cumprirá mañá o primeiro dos dous partidos de suspensión cos que foi sancionado tras a expulsión en Navalcarnero.




Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Jozi, 3. Dany, 6. Silvia, 10. Lara, 12. Ana Romero, 14. Bea Mateos, 15. Judith, 16. Cilene, 17. Sofía, 18. Shiori, 19. Paula, 26. Elvira




Copa Galicia. O equipo de Lucas e Julio Delgado visitará o Ribadeo FSF, na fase de grupos de Copa Galicia, o vindeiro martes, 11 de outubro, ás 20.30 horas.
 

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.