04/11/2016

Pescados Rubén 1-5 Barcelona Lassa

Pescados Rubén 1-5 Barcelona Lassa

A Bomboneira tuteou esta tarde o xigante FC Barcelona Lassa (1-5) a pesar do resultado, cunha primeira parte incomensurable do Pescados Rubén Burela FS, inquietando en finalización e con seriedade defensiva. A igualdade e o equilibrio dos primeiros vinte minutos esvaéronse tras o descanso con dous dardos cataláns dos que os mariñáns non lograron recuperarse no luminoso.

Saltaron á pista os de Daniel Ibañes dispostos a todo e viviron uns primeiros minutos en voandas apoiados polo magnífico ambiente de Vista Alegre e moi ben plantados. Os da Mariña souberon como xerar perigo á contra; no minuto 4 Antoñito, Chano e Iago Míguez protagonizaron as ocasións máis incisivas, fronte a un Juanjo impasible. No minuto 7, Petry salvou os da casa baixo paus unha tentativa de Adolfo tras escaparse de Iago Rodríguez; esa era a primeira ocasión de ouro dos visitantes. Antes de chegar ao ecuador da primeira parte Antoñito topouse de novo co muro de Juanjo, nunha contra iniciada por Cuco. O gol resistíase e o plan laranxa truncouse, en xogada de estratexia no minuto 15; os de Andreu Plaza adiantaron nun balón parado de Aicardo que culminou Adolfo. Lonxe de amilanarse, os guerreiros castrexos seguiron pelexando con todo e non tardou o empate; no 17, Bellvert subiu a igualada para poñer a guinda a unha gran xogada de Cuco.

O segundo acto non empezou da mellor forma para os galegos; a pegada catalá non se fixo esperar. O Barcelona abriu a fenda; en practicamente un minuto, antes de chegar ao 23, tomou vantaxe de 1-3, cun potente disparo de Dyego e a finalización de Diego Quintela, de novo en xogada de estratexia. Intentou recuperarse o Pescados Rubén freando a destreza catalá ata que volveu facer acto de presenza a eficacia do grande, na medianía da segunda parte, con Aicardo, de falta (1-4). Nos últimos nove minutos Iago Rodríguez vestiu a camisola verde co xogo de cinco; tivo ocasión Cuco de reducir distancias nun penalti de Rómulo sobre Mata no 33, cunha grande actuación de novo do meta catalán. O definitivo 1-5 chegou nas zapatillas de Tolrà a porta baleira, a pouco máis de tres minutos para o final.

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Álex, Isi, Iago Rodríguez, Matamoros, Cuco, cinco inicial; tamén xogaron Antoñito, Iago Míguez, Chano, Bellvert, Petry, Carlitos

FC Barcelona Lassa: Juanjo, Aicardo, Dyego, Adolfo, Diego Quintela, cinco inicial; tamén xogaron Ferrao, Joselito, Tolrà, Rómulo, Roger Serrano, Joao Batista

Goles: 0-1, minuto 15, Adolfo; 1-1, minuto 17, J. Bellvert; 1-2, minuto 22, Dyego; 1-3, minuto 22, Diego Quintela; 1-4, minuto 30, Aicardo; 1-5, minuto 36, Tolrà

Árbitros: Del Pozo García (Madrid) // Redondo Arenales (Castilla e León). Por Pescados Rubén, amarela a Cuco (minuto 9), Chano (minuto 13). Por Barcelona amarela a Rómulo (minuto 33)

Incidencias: Quinta xornada de Primeira Division LNFS disputada en Vista Alegre, coa presenza do secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa. 1300 espectadores

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.