25/11/2016

Despedida de altos voos en Alacante, ata xaneiro

Despedida de altos voos en Alacante, ata xaneiro

O Pescados Rubén Burela FS despedirá a liga de 2016 este sábado en Alacante en duelo de altos voos, ante o segundo clasificado de Primeira (18.30 horas). Durante este descanso de mes e medio no que finalmente non se celebrará o Campionato Mundial, a localidade de Alcázar de San Juan (Cidade Real) acollerá o Torneo Internacional 4 Nacións, no que participarán as seleccións de España, Portugal, Italia e Rusia, entre o 8 e o 10 de decembro. As pupilas de Iván Cao ‘Lucas’ e Julio Delgado estrearán 2017 na casa, o sábado 7 de xaneiro, coa visita do Jimbee Roldán FSF (xornada 13).



“Traballamos durante toda a semana para facer fronte a un rival moi duro; volvemos adestrar todas; só faltou Judith, que está enferma” explicaba a burelista Cilene Pereira Paranhos, destacando a gran tempada que está realizando o UA Alicante, defendendo a segunda praza do podio, con 31 puntos, sen coñecer a derrota; tan só cedeu fronte ao Ourense Envialia na sexta xornada con empate de 3-3. Na complexidade e excelente etapa do rival tamén incidiu o técnico mariñán, Lucas: “A pista do UA sempre é difícil e máis esta tempada, que está sendo o único equipo no ronsel do Atlético. Para sacar algo positivo teremos que estar ao 110%”, advertía o focego dunha cita repleta de carga positiva para o Pescados Rubén, na que, dende a 3ª praza (24 puntos), buscará reducir distancias cun rival directo e pechar un brillante ano con boas sensacións.



Nos seus primeiros meses defendendo a elástica laranxa, a 16 mariñá participou en todos os compromisos de liga e é a segunda máxima goleadora do equipo, con 5 tantos, por detrás de Dany, con 13. Precisamente o seu toque finalizador brillou a fin de semana pasada, na vitoria ante o Móstoles (4-3), sorprendendo a meta rival dende practicamente a área burelista: “Dende o banco estaba notando que a porteira estaba un pouco adiantada e entón cando entrei á pista intentei golpear e entrou; non é a miña especialidade marcar sen elaborar a xogada pero foi un gol bonito e estou moi contenta” lembraba Cilene, recoñecendo a súa boa sintonía co cadro burelista na primeira vivencia futbolística fóra do Brasil, aínda que con morriña dos seus: “Na miña experiencia como internacional tiven a oportunidade de medirme a seleccións duras. En España hai moito nivel; estoume adaptando sen moitas dificultades; ás veces a comunicación é un hándicap, pero con Jozi e Dany é máis doado. No que teño máis dificultade é en estar lonxe da familia, pero son decisións que tomamos nas nosas vidas e hai que sobrelevalo da mellor forma posible; de novo, tendo a Jozi e a Dany, que xa era amiga miña antes, lévoo mellor” concluía a ‘canarinha’.



Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Jozi, 3. Dany, 6. Silvia, 7. R. Betim, 10. Lara, 13. Nerea, 14. Bea Mateos, 16. Cilene, 17. Sofía, 18. Shiori, 19. Paula, 26. Elvira

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.