01/12/2016

O Jumilla chega á Bomboneira no fondo da táboa

O Jumilla chega á Bomboneira no fondo da táboa

O Pescados Rubén Burela FS recibirá mañá o Bodegas Juan Gil Jumilla FS na novena xornada de Primeira LNFS, que chega á Bomboneira como farol vermello da clasificación. O encontro, que comezará ás 21.00 horas, poderá seguirse en directo por LNFS DIRECTO -ligazón-.



Con 9 puntos e encadeando dúas vitorias consecutivas, os de Daniel Ibañes queren dar continuidade ao seu mellor momento da tempada: “Necesitabamos este partido completo, non só pola vitoria; esta semana xa se notou moita máis alegría e tranquilidade porque xa non estamos tan apertados na clasificación e adéstrase máis a gusto. Esperamos seguir con esta boa dinámica porque agora vén un mes con moitos partidos e esperamos poder sacalos adiante” explicaba Iago Rodríguez, tendo os murcianos como antesala dunha semana con moitísimo traballo, con desprazamentos ás Canarias e Santa Coloma en liga e con partido no medio de Copa do Rei nas illas.



O Jumilla FS, con moitas caras novas, saltará á pista no fondo da táboa, con 1 punto recollido precisamente a semana pasada fronte aos canarios (2-2). O 9 mariñán admite o cartel de favorito aínda que con precaución: “Pode ser un partido trampa porque aínda que están abaixo na clasificación o ano pasado xa non deron un susto empatando aquí. É un partido no que a priori deberiamos sacar os tres puntos, na casa, pero non podemos confiarnos e debemos ir a por todas. O rival chega con certo ánimo despois do primeiro bo resultado; cando se consegue puntuar moralmente axuda moito así que virán dispostos a levar de aquí algo, pero nós debemos competir e, dada nosa maior calidade, temos que sacar o partido” advertía o lugués, satisfeito co camiño que ten encauzado o Pescados Rubén e coa responsabilidade de pichichi laranxa, con 6 dianas: “Cando se xoga contra grandes equipos, como nos pasou ao comezo, parece que as carencias se magnifican, pero agora, con rivais máis da nosa liga, estamos respondendo ben. Como a calquera xogador gústame marcar goles; no último partido anotei un, pero coma se non marcase, quédome coa imaxe que deu o equipo; estou contento porque se gaña o equipo gañamos todos”.



Iago Rodríguez teno claro. Os tres puntos quedarán mañá en Burela se foxen do nerviosismo: “Non podemos volvernos tolos; será un encontro no que teremos ocasións seguro. Con paciencia e intensidade non deberiamos sufrir, aínda que o partido nos dea as costas”, adiantaba o ala burelista de 24 anos.



“Este ano pode ser moi bonito, sempre co apoio de Vista Alegre. Imos loitar pola Copa Galicia, en Copa do Rei pelexaremos nas Canarias polas semifinais e intentaremos dar o mellor en liga; todo isto sen o respaldo da afección sería moi difícil” concluía Iago.




Xunto a Edu, na recta final da súa recuperación de xeonllo, Chano, con molestias nas últimas semanas, non entrará na convocatoria; tampouco o fará Carlitos, que xa non puido participar en Cartaxena por un golpe nun pé do que se resentiu durante o calentamiento.



Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 5. Iago Míguez, 7. Isi, 9. Iago Rodríguez, 10. Matamoros, 12. Petry, 13. Álex, 18. J. Bellvert, 20. Miñano, 21. Cuco, 23. Antoñito, 27. Renato, 30. Hélder



Convocatoria Bodegas Juan Gil Jumilla FS: 2. A. Sánchez, 4. Poti, 6. Pimpolho, 8. Raúl Gómez, 9. Bolívar, 10. Everton, 11. Lineker, 15. Luque, 17. Lucas, 18. Samu, 20. T. Soares, 96. Ary Neto 



 

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.