02/02/2017

Espectáculo irmandiño en Teledeporte

Espectáculo irmandiño en Teledeporte

O Pescados Rubén volve á liga con espectáculo irmandiño en Teledeporte, será o sábado, día 4, ás 13.15 horas (pavillón Santa Isabel) en casa do Santiago Futsal, un vello coñecido do novo capitán da escuadra laranxa, Tomás de Dios. “Será un derbi cheo de emocións. Santiago é a miña casa deportiva e Santi Valladares é un grande amigo e un irmán deportivo, nestes 25 anos que levo no fútbol sala. Os días previos a este tipo de citas sempre son moi emocionantes porque os medios fanche recordar moitas situacións pero unha vez que entras no partido xa é competición e aí seremos dous rivais no banco e na cancha nun partido que ten todos os atractivos, o de ser derbi e ser televisado, para ser un grande espectáculo. Será un partido moi bonito que se solucionará nos dous últimos minutos, pola igualdade que creo que ten que haber entre os dous equipos”.



Ambos os conxuntos chegan á festa do fútbol sala galego, tras o descanso polos campionatos de seleccións, co propósito de afastarse da zona de perigo; os composteláns ocupan a 11ª praza, con 19 puntos, e os mariñáns están na 14ª, con 15 puntos. Os de Burela pelexarán para romper a dinámica negativa e materializar a primeira vitoria na era Tomás de Dios fronte a un rival con boas sensacións recentes en liga, con empate ante Gran Canaria FS (1-1) precedido do triunfo fronte a Jumilla (5-3).



“O colectivo está traballando moito para ter unhas pequenas pinceladas dunha identidade que reflicta a forma que eu teño de ver o fútbol sala”, explicaba o técnico laranxa. Defensa intensa e agresiva e situacións dun contra un definirán a nova filosofía do Pescados Rubén: “Logo de 17 sesións xa se empezan a ver os sinais de identidade: intención de roubo na defensa, intensidade, defensa moi agresiva no desprazamento de balón para arrebatar a intención ofensiva do rival e creación moitas situacións de perigo en transición ofensiva, algo que sempre lle custou ao Burela, ademais estamos fomentando e esixindo de situacións dun contra un; temos xogadores para iso” definía así Tomás os froitos destas dúas semanas á fronte do equipo burelista.



O salmantino poñerá a proba ao novo conxunto mariñán fronte ao que foi o seu equipo durante seis tempadas. “A preparación non é diferente a calquera outro partido; na liga todos nos coñecemos, estudamos moito os rivais independentemente de que sexa un derbi, de que haxa ex-xogadores do outro equipo, de que os xogadores compartan vestiario en seleccións...”. “Unha das grandes fortalezas do Santiago son os seus valores de sacrificio, capacidade de recuperación e de loitar cada balón ata o último segundo; vimos como remontaron partidos nos últimos segundos e temos que ser conscientes diso” advertía o adestrador laranxa.



Os burelistas completarán a semana mañá con dobre sesión de adestramento. As ausencias mariñás por lesión serán Edu, Chano e Mata. Isi, con molestias nas costas, será dúbida.



 



Ruta laranxa “De Derbi en Derbi”



Todos os afeccionados/as que queiran asistir aos partidos dos equipos masculino e feminino de Primeira División este sábado, 4 de xaneiro, poderán facelo a través da viaxe organizada polo Pescados Rubén Burela FS coa ruta laranxa por Galicia “De Derbi en Derbi”. O equipo masculino enfrontarase ao Santiago Futsal en Santa Isabel, 13.15 horas, e o feminino farao fronte ao Cidade das Burgas, 20.00 horas, nos Remedios. O club poñerá a disposición dos todos os interesados o desprazamento en autobús e entradas para os dous partidos, por tan só 15 euros/acode; a viaxe realizarase cun mínimo de 40 afeccionados/as.



As persoas que así o desexen deberán apuntarse na oficina do club (avda. Arcadio Pardiñas 91, baixo). Data límite para reservar praza: Venres 3, 14.00 horas

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.