04/02/2017

Vitoria do Santiago Futsal por 3-0 ante o Pescados Rubén Burela

Vitoria do Santiago Futsal por 3-0 ante o Pescados Rubén Burela
O derbi galego comezou cun ritmo frenético por ambos equipos que presionaron con moita intensidade ao seu rival e nas primeiras accións o Pescados Rubén xerou máis perigo sobre a meta defendida por Chema. Hélder gozou da mellor oportunidade pero a resposta compostelá non se fixo esperar por mediación de Dani Montes pero foi Álex Diz o encargado de inaugurar o marcador con un disparo intelixente que sorprendeu a Álex, minuto 6. O 1-0 non variou o ritmo e o partido viaxaba con rápidas transicións en ambas direccións e con máxima igualdade. Superado o ecuador do primeiro periodo a intensidade comezou a provocar máis imprecisións e a ausencia de ocasións. No tramo final o Santiago logrou manexar a posesión con máis tranquilidade aínda que a mellor ocasión foi para José Carlos que case logra o empate tras un bo pase de Cuco.

Ao descanso chegouse co 1-0 e na continuación repetiuse o discurso inicial cun ritmo frenético. No minuto 26 o Santiago ampliou a súa renda cun gol de estratexia cociñada polos irmáns Diz. Álex asistiu a Antonio que elevou o 2-0 ao marcador de Santa Isabel. O Pescados Rubén Burela acusou o golpe e os santiagueses gozaron dun par de ocasións mediante as xogadas a balón parado. Dani Montes tivo a mellor cun disparo que se atopou coa cruceta laranxa.

O Pescados Rubén, cargado de faltas, buscou cambiar a dinámica con Antoñito como porteiro xogador no minuto 29 que non xurdiu o efecto esperado. Os composteláns lograron conter o ímpetu burelista con boas posesións e gozaron dun par de ocasións con Mel e Isma que desbaratou Álex. Á terceira chegou o premio para os locais co 3-0 marcado por Antonio Diz que pescou un balón na liña de fondo para bater a Álex, minuto 36. Acto seguido chegou a expulsión de Santi que provocou a superioridade numérica laranxa salvada polos santiagueses para encarar a recta final co 3-0 que se matuvo ata o pitido final.

Ficha técnica

Santiago Futsal: Chema Mella, Hugo Sánchez, Catela, Antonio Diz, Pablo Mel -cinco inicial- Ismael, Dani Montes, Álex Diz, Santi, Tallón, Alejandro.

Pescados Rubén Burela FS: Álex, Hélder, Jorge Bellvert, Iago Míguez, Iago Rodríguez -cinco inicial- Renato, Cuco, Antoñito, José Carlos, Carlitos.

Goles: 1-0, m.6, Álex Diz; 2-0, m.26, Antonio Diz; 3-0, m.36, Antonio Diz.

Árbitros: Gallo Suárez, Martínez Torres. Cartón amarelo a Hugo Sánchez, Catela e vermello a Santi en Santiago Futsal. Cartón amarelo a Renato, Hélder, Iago Rodríguez, Bellvert e Álex no Pescados Rubén Burela FS.

Incidencias: Partido correspondente á xornada 18 de Primeira División LNFS. Disputado no pavillón de Santa Isabel de Santiago.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.