04/02/2017

O Pescados Rubén Burela imponse por 2-5 ao Cidade As Burgas

O Pescados Rubén Burela imponse por 2-5 ao Cidade As Burgas
O derbi galego comezou cun Cidade As Burgas levando a iniciativa no xogo ante un Pescados Rubén Burela que esperaba en propia pista coa idea de conter o empuxe inicial das locais. Iria e Candela avisaron do perigo local pero o seu dominio foise diluíndo co paso dos minutos e as mariñás comezaron a igualar a contenda. A primeira aproximación con perigo chegou por mediación de Bea Mateos que non conectou ben a volea tras un saque de esquina. Tras superar o ecuador Dany se erixiuse en protagonista do choque, en dúas ocasións puxo a proba a Ana e á terceira oportunidade chegou o gol visitante. Dany pelexou un balón dividido en media pista para abrir o xogo a Bea Mateos e a capitá asistiu ao segundo pau a Shio que marcou o 0-1, minuto 14. A resposta local non se fixo esperar e Candela estrelou o seu disparo no pau. Sen ocasións claras chegouse ao descanso con vantaxe mínima (0-1) para as burelistas.

Na continuación o duelo comezou cun Cidade máis agresivo disposto a remontar e gozou de ocasións para establecer o empate por mediación de Sonia e Candela que non atoparon portería. O terceiro aviso local foi de Iria que disparou moitísimo perigo pero Jozi evitou a igualada. De novo Jozi evitou o empate e á contra Sofía deixou unha delicia pisando cara atrás o esférico para que Dany marcase o 0-2, minuto 26. Dominio local e máxima eficacia visitante nesta fase do encontro.

Reaccionou o Cidade que tras un roubo en media pista acurtou distancias cunha gran definición de Iria Saeta ante Jozi. O 1-2 deu paso a un partido máis aberto e con intercambio de golpes. Ao achegamento local respondeu o Pescados Rubén co 1-3 logrado por Cilene nunha xogada de estratexia. Sen tempo para o respiro o Cidade atopouse cun afortunado 2-3 en propia porta de Bea Mateos, minuto 32. Quixo apertar máis a escuadra ourensá a un Pescados Rubén Burela que liquidou coa estratexia a presión local. Noutra acción ensaiada chegou o 2-4, de novo con Cilene como executora.

As locais acusaron o golpe e as burelistas aproveitaron o seu momento para aumentar aínda máis a vantaxe. Dany culminou unha contra perfecta para situar o 2-5, minuto 34. Intentouno o Cidade con xogo de cinco pero sen perigo e Iria gozou dun doblepenalti que lanzou fóra. O Pescados Rubén conseguía arrefriar o partido aínda que no minuto 39 Iria recortou distancias tras un saque de esquina (3-5) e acto seguido Candela disparou ao pau. Sen máis sobresaltos chegouse ao final do derbi con vitoria mariñá por 3-5.

Ficha técnica

Cidade As Burgas: Ana Lastra, Candea, Iria Saeta, Sonia, María Arias -cinco inicial- Clara, Figo.

Pescados Rubén Burela FS: Jozi, Shiori, Cilene, Dany, Bea Mateos -cinco inicial- Lara, Elvira, Lara, Sofía, Judith.

Goles: 0-1, m.14, Shio; 0-2, m.26, Dany; 1-2, m.27, Iria; 1-3, m.28, Cilene; 2-3, m.30, Bea Mateos (p.p); 2-4, m.34, Cilene; 2-5, .35, Dany; 3-5, m.39, Iria.

Árbitros: Ferrero Carballal, Álvarez Carril. Cartón amarelo a Bea Mateos do Pescados Rubén Burela.

Incidencias: Partido correspondente á xornada 16 de Primeira División disputado no pavillón de Os Remedios de Ourense.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.