04/03/2017

Pescados Rubén 4-4 Majadahonda

Pescados Rubén 4-4 Majadahonda
O Pescados Rubén Burela FS pecha a xornada 19 cun punto que sabe a pouco na visita do Majadahonda FSF Afar4 (4-4). Malia levar a iniciativa, as de Lucas e Julio Delgado non puideron atar o marcador; do seu xogo irregular, con dominio e ocasións, pero tamén con momentos nos que a garra laranxa se esvaecía por completo, sacou proveito o rival, certeiro ao contragolpe.

Cilene xa avisou con moito perigo en dúas ocasións antes do minuto 3, e Jozi estivo moi atenta para neutralizar as primeiras chegadas do Majadahonda, no 4, con Sila e Ele. Judith fixo bo o perigo xerado polas burelesas adiantándose ante do ecuador da primeira parte. Elvira ampliou a fenda asistida por Paula no minuto 12, logo dun prodixioso pé de Laura segundos antes na tentativa de Bea Mateos. O tempo morto deulles alas ás madrileñas que intentaron subir a súa presión e atoparon o empate en dous minutos, con Sila e Marti Ro. Lonxe de amilanarse, as laranxas reaccionaron depositando todas as súas armas no acerto finalizador da pichichi, Dany, que culminou unha gran xogada das de Lucas e Julio Delgado no 17 para volver dominar o luminoso. Cando todo facía presaxiar que ambas as escuadras volverían á pista co camiño encauzado para as laranxas, Ele anotou o terceiro das visitantes, sobre a bucina, tras unha falta das laranxas.

As mariñás volveron achegarse aos tres puntos no minuto 27, con firma da novísima Sofía, que aproveitou un rexeite á perigosa ocasión de Cilene. Jozi volveu resolver sen complicacións os balóns máis vivos do Majadahonda, sobre o 30. Recuperou perigosidade a escuadra galega pero non estivo fina; Dany (minutos 34 e 35) e Cilene (35) non tiveron fortuna. Jozi freou a M. Novoa, pegada ao pau, pero nada puido facer ante Sara Sanz, que aproveitou para subir o 4-4 tras galopada de Sila. Restaban pouco máis de tres minutos para o final e o Pescados Rubén apostou por todo con xogo de cinco abandeirado por Bea Mateos. Vista Alegre viviu unha frenética recta final con alternancias, aínda que o 4-4 non se moveu.

Ficha técnica

Pescados Rubén-Burela FS: Jozi, Dany, Cilene, Shiori, Elvira, cinco inicial; tamén xogaron Bea Mateos, Lara, Silvia, Sofía, Judith, Paula

Majadahonda FSF Afar4: Lauri, Ele, Sara Sanz, Sila, Cels, cinco inicial; tamén xogaron M. Vergara, Marti Ro., A. da Moza, Marti M., Rosita, M. Novoa

Goles: 1-0, minuto 9, Judith; 2-0, minuto 12, Elvira; 2-1, minuto 14, Sila; 2-2, minuto 16, Marti Ro.; 3-2, minuto 17, Dany; 3-3, minuto 20, Ele; 4-3, minuto 27, Sofía, 4-4, minuto 37, Sara Sanz

Árbitros: Coello Martínez // Rivas Fouz (A Mariña). Por Burela FS, amarela a Lara e Bea Mateos. Por Majadahonda amarela Ele

Incidencias: Partido da 19ª xornada de Primeira División RFEF disputado en Vista Alegre ante unhas 500 persoas.

Noticias destacadas

O á destro catalán, de 24 anos, exercitouse onte por primeira vez cos seus novos compañeiros e xa poderá ser aliñado este venres en Pamplona por David Rial

Dura primera parte para as mariñanas e máis igualado o segundo tempo no que moitas das numerosas ocasións que tiveron se viron frustradas polo papelazo da MVP do partido, Bia da Silva.