17/03/2017

Vista Alegre recibe a un necesitado Rubí

Vista Alegre recibe a un necesitado Rubí

O Pescados Rubén Burela FS volve a Vista Alegre mañá (18.30 horas) recibindo a un necesitado Esportiu Rubí FS, que chega á Mariña na penúltima praza (9 puntos). “Aparentemente sería un rival accesible pero non creo que sexa así. En Rubí gañamos pola mínima (1-2); estanos custando sacar os partidos aínda que sabemos que dando o 100% de cada unha podemos conseguir os tres puntos” advertía Lara Balseiro, que non puido participar –por enfermidade- a semana pasada na volta ao triunfo das laranxas, na pista do UCAM Murcia (4-5).



“Xa adestrei con normalidade e espero estar dispoñible para o sábado” explicaba a xogadora viveirense que volve á pista tras a súa convocatoria con Galicia no amigable do 7 de marzo fronte a Cataluña, en Compostela: “Foi unha experiencia inesquecible; estiven moi cómoda na pista con compañeiras moi boas, con moita calidade, que che poñen as cousas doadas. Estou moi orgullosa de poder vestir esa camiseta e oxalá poida ir máis. Oxalá esta cita se volva repetir axiña, non só pola posibilidade da miña convocatoria, senón polo ben do fútbol sala feminino; había 19 anos que non xogaba Galicia Feminina e para nós é un paso moi importante poder xogar con esa camiseta” reflexionaba así Lara.



Na 21ª cita ligueira, o cadro de Lucas e Julio Delgado buscará darlle continuidade ao resultado positivo da semana pasada dende a cuarta praza (41 puntos) fronte a un rival que non puntúa dende a 16ª xornada, con empate na casa ante o Leganés (2-2): “Cremos que imos atopar unha defensa pechada entón sobre iso traballamos durante a semana. Vai ser moi importante o xogo de pivote, con Dany e Elvira”.



Coma sempre, as guerreiras laranxas contarán co sexto xogador de Vista Alegre, a incondicional Bancada Laranxa: “Estamos moi agradecidas da súa resposta; é un pracer para nós que vaian cada sábado vernos” puntualizaba a 10 burelista.



Xunto ás ausencias de longa duración de Emma, que xa comezou a adestrar, e Helena, que continúa coa súa recuperación, tampouco estará dispoñible Paula, por unha rotura de fibras.



Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Jozi, 3. Dany, 6. Silvia, 10. Lara, 13. Nerea, 14. Bea Mateos, 15. Judith, 16. Cilene, 17. Sofía, 18. Shiori, 23. Cristina, 26. Elvira

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.