23/03/2017

Bellvert: 'Sen a afección non podemos sacar isto adiante'

Bellvert: 'Sen a afección non podemos sacar isto adiante'

O Pescados Rubén Burela FS vivirá mañá no seu mausoleo un espectacular duelo directo, coa visita de Gran Canaria FS (21.00 horas, ENTRADA GRATUITA), que recala na Mariña Lucense con vantaxe de tan só 2 puntos sobre os laranxas na tentativa de ambas as escuadras por escapar da zona de urxencia. “Temos un calendario bo para seguir sendo de Primeira, pero non debemos desviar a atención máis aló do próximo obxectivo, Canarias; este partido na casa témolo que gañar si ou si. Fago un chamamento á afección para que nos axude nesta gran final porque sen eles non podemos sacar isto adiante”, explicaba Jorge Bellvert valorando e agradecendo ademais o grande apoio que recibiu da bancada o equipo no último partido en Vista Alegre, con Cartagena.



O 18 laranxa e os seus compañeiros queren dar continuidade ás recentes boas sensacións e de números da Bomboneira, unha das mellores citas de Jorge Bellvert esta tempada. “Atopábame ben física e mentalmente e coa axuda dos meus compañeiros puiden facer un bo partido. Era unha cita na que non podiamos errar e Vista Alegre non defraudou; coa axuda da afección saíu case perfecto” explicaba o xogador cacereño, confiando nesta recta final: “Merecemos volver xa a gañar e enlazar resultados positivos. Levamos xa un par de meses traballando, moi ben, con Tomás e creo que todo bo traballo ten os seus froitos”.



Os galegos van a por todas para tomar a iniciativa na táboa fronte aos canarios, que encadenan 9 xornadas sen coñecer a vitoria. Os mariñáns impuxéronse con solvencia nos seus dous últimos enfrontamentos cos insulares, en decembro, con 4-10 en liga e 2-4 en Copa do Rei. Con todo, Bellvert é cauto: “Non debemos confiarnos para nada; temos que saír centrados ata o final, na casa temos que morder sen dar opcións ao rival. É un equipo con recursos, ten un bo xogo con pivote e xogadores descarados, habilidosos no un contra un”.



Na xornada de portas abertas a Vista Alegre sortearanse 2 camisetas durante o descanso, ademais, por cada consumición do bar, entregarase un bocadillo de chourizo totalmente gratis.



Fóra diso Chano, Matamoros e Sergio, que continúan os prazos de recuperación tras pasar polo quirófano, Tomás de Dios contará con todo o cadro, que realizará mañá pola mañá a última sesión, aínda que co propio Bellvert, Isi e José Carlos con molestias.



Convocatoria provisional Pescados Rubén Burela FS: 1. Edu, 5. Iago Míguez, 7. Isi, 9. Iago Rodríguez, 13. Álex, 17. Carlitos, 18. Bellvert, 20. Miñano, 21. Cuco, 23. Antoñito, 27. Renato, 30. Hélder, 31. José Carlos



Convocatoria Gran Canaria FS: 1. Gus, 3. Anás, 4. Saúl, 5. Pepe, 8. Pablo Salado, 10. Juanillo, 11. Bingyoba, 12. Juan Puertas, 13. Pichí, 14. Julio, 15. Montero, 28. Igor

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.