20/04/2017

En busca da sorpresa ante un titán (venres 21, 21.15 horas, Eurosport)

En busca da sorpresa ante un titán (venres 21, 21.15 horas, Eurosport)

O Pescados Rubén Burela FS afrontará a penúltima xornada de liga co máis difícil aínda na busca da salvación. Será mañá na casa de ElPozo Murcia FS, pelexando pola segunda praza, ás 21.15 horas, con emisión en directo de Eurosport.



“Estamos nunha situación límite e cando ocorre iso un equipo multiplícase; así sairemos dende o comezo, desde o principio traballando cunha defensa presionante,  provocando que o xogo estea aberto sabendo que ElPozo é un equipo superior pero tamén sendo conscientes de que nesta situación a necesidade é o máis importante”, explicaba o técnico, Tomás de Dios, incidindo con positividade no futuro do Pescados Rubén para cumprir co obxectivo, rozando a zona fóra de perigo: “Estamos a 1 punto agora mesmo de salvar a categoría. Na próxima xornada seguramente cambiará a situación; o que non cambia é que nós necesitamos sacar algo positivo en Murcia para seguir dependendo de nós mesmos na última xornada, na casa, con Levante. Iso sería case un privilexio” reflexionaba o adestrador, coincidindo coas impresións de Iago Rodríguez: “Sabemos que é moi complicado; temos por diante dous partidos moi complicados, pero depender de nós mesmos dános confianza para salvar a situación”, explicaba o 9 laranxa.



A vitoria da semana pasada fronte ao Ríos Renovables Zaragoza (5-0) deulle alas ao cadro de Tomás de Dios, lixeiramente empañada polo resultado doutro dos candidatos a abandonar Primeira, o Plásticos Romero Cartagena (25 puntos), que agora mesmo avantaxa en 1 punto os da Mariña, xunto a Levante (26), Gran Canaria (27) e Santiago (27): “O empate de Cartagena con Palma no último segundo modificou un pouco os nosos plans, pero sabendo que aínda dependemos de nós non temos que mirar o resto de resultados. Falamos todos das posibilidades que se poden dar nestes dous partidos. Puntuar en Murcia e gañar a Levante sería o ideal” barallaba Iago.




“Pode darse a sorpresa se competimos todo o partido” advertía Iago Rodríguez: “Temos que centrarnos nunha boa defensa, sen fisuras, e aproveitar as nosas ocasións, sen medo, xogando de ti a ti porque xa non sería a primeira vez que o Pescados Rubén gaña alí. Por que non vai poder repetir este ano?” lanzaba a pregunta o lugués con optimismo.




O último adestramento burelista antes de saltar á pista para disputar a 29ª xornada de liga arrancou hoxe ás 18.30 horas, xa en terras murcianas. Ás ausencias de Mata, Chano e Jorge Bellvert, súmase Carlitos, por compromisos académicos.



Convocatoria ElPozo Murcia FS: 5-Elías, 8-Andresito, 9-Bebe, 10-Álex, 11-Miguelín, 12-Fabio (portero), 14-Fernando, 17-Raúl Campos, 18-Pito, 21-Marinovic, 22-Chemi (portero),  26-Matteus
Baixas: Fede e Cardinal



Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Edu, 5. Iago Míguez, 7. Isi, 9. Iago Rodríguez, 13. Álex, 21. Cuco, 23. Antoñito, 27. Renato, 30. Hélder, 31. José Carlos

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.