12/05/2017

Espectáculo de altos voos (domingo 14, 12.30 horas)

Espectáculo de altos voos (domingo 14, 12.30 horas)

O balón volve rodar en Vista Alegre con Primeira División RFEF, na xornada 27, cun espectáculo de altos voos. O Pescados Rubén Burela FS recibirá o segundo clasificado UA Alicante (67 puntos) con novo horario; o partido será o domingo, ás 12.30 horas, debido a que mañá o pavillón acollerá a fase final do Campionato de España de Clubs Júnior Feminino de Baloncesto, que se disputa na comarca da Mariña desde o domingo pasado.



“Vai ser un partidazo; visítanos un rival que está realizando unha tempada brillante. É un equipo no que non destacan as individualidades, senón o colectivo, con 10 xogadoras de campo de moito nivel” advertía o técnico burelista, Iván Cao ‘Lucas’, salientando e garantindo o espectáculo, ante un Pescados Rubén que pelexa por reforzarse na 4ª posición (53 puntos) e chega en bo estado á cita: “Tiñamos ganas de volver competir despois da semana sen liga polo Torneo Internacional de Moscova; o equipo chega descansado e ao 100%. Temos que despregar unha defensa sólida ante o xogo de 4 e estar finos en ataque porque o Alicante, coa súa boa presión e gran finalización, pode converter calquera erro noso nunha ocasión moi clara”.



Na primeira volta os 3 puntos foron para UA Alicante (3-1).



O equipo de Lucas e Julio Delgado completará a semana antes da cita do domingo con adestramentos esta tarde e mañá pola mañá.



 



Regreso de Claudia



A ala-peche Claudia Rodríguez Teijeiro (Foz, 1984) volve á casa para afrontar co Pescados Rubén Burela FS a recta final de liga e a Copa de España. A mariñá regresa ao fútbol sala, baixo a batuta de Iván Cao ‘Lucas’ e Julio Delgado, logo duns complicados meses tras a rotura de ligamentos do seu nocello dereito sufrido na Copa de España Alcorcón 2016 defendendo a elástica laranxa. Logo de varias semanas de adestramentos co equipo feminino burelista, a 5 mariñá entrará en domingo na convocatoria.



 



Ven de laranxa e entra gratis



As persoas que non son socias poderán presenciar o partido de forma gratuíta si acceden ao pavillón cunha prenda laranxa.



 



Homenaxe aos campións xuvenís



Antes do asubío inicial, Vista Alegre invitará ao Pescados Rubén Burela FS Xuvenil a saltar á pista para renderlle homenaxe como campión de liga 2016-17 de División de Honor. O equipo de Christian Fustes disputará mañá en Valencia a primeira eliminatoria de Copa de España fronte ao Maristas Valencia (16.00 horas); no caso de saír vitorioso, recibirá o FC Barcelona na seguinte fase.



 



Convocatoria provisional Pescados Rubén Burela FS: 1. Jozi, 3. Dany, 5. Claudia, 8. Emma, 10. Lara, 12. Ana Romeu, 14. Bea Mateos, 15. Judith, 16. Cilene, 17. Sofia, 18. Shiori, 26. Elvira



Convocatoria UA Alicante: 1. Aida, 3. Mónica, 4. Ana, 6. Elena, 7. Paula, 10. Paola, 11. Lorena, 12. Andrea, 13. Lara, 14. Ángela, 15. Jennifer, 17. Mª Ángeles

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.