16/08/2017

Ourense, estrea de amigables para o proxecto de Julio Delgado e Lucas

Ourense, estrea de amigables para o proxecto de Julio Delgado e Lucas

Con nove días de pretempada, o Pescados Rubén Burela FS de Julio Delgado e Iván Cao ‘Lucas’ estreará o calendario de amigables xa este sábado, na pista do Ourense Envialia (Os Remedios, 19.00 horas): “É aínda cedo, tan só levamos dúas ou tres sesións de pista, pero imos coa ilusión de competir contra o actual campión de Copa e de poñerlle as cousas difíciles. Queremos mostrarnos, sobre todo, como un equipo competitivo que vai buscar estar o máis arriba posible na liga. O Ourense é un equipo con poucos cambios e con bos reforzos; vai ser un dos chamados a loitarlle ao Navalcarnero a liga” explicaba Julio.



A nave burelista de 2017-18 manterá a dirección e o rumbo que tantas ledicias outorgou nas últimas tempadas á Familia Laranxa: “Xa levamos dous anos traballando de forma conxunta e creo que estamos facendo un bo labor. Nesta liña seguiremos traballando, aínda que o peso recaerá un pouco máis esta tempada en Julio” explicaba Lucas, sobre o que Julio tamén incidía: “Seguiremos traballando xuntos, da man, aínda que Lucas non vai poder dedicarlle todo o tempo que desexaría”.



Pouco a pouco o novo Pescados Rubén de Primeira RFEF 2017-18 vai formándose, cunhas primeiras sensacións inmellorables sobre a pista: “É un equipo con novidades e moita ilusión, que volve ao traballo despois de facer unha tempada bastante boa. É un proxecto moi ilusionante, que aspira a conseguir un pouco máis este ano en consonancia coa aposta e esforzo que está facendo o club. Marcámonos uns obxectivos ambiciosos, queremos loitar por todo. Sabemos que vai ser complicado, pero nós temos ilusión e ganas” coincidían en asegurar ambos os técnicos.



Á espera do regreso de Cilene e da formalización do contrato de Julia Forsiuk, o cadro laranxa feminino traballa tamén con incorporacións do filial: “Pouco a pouco van chegando as xogadoras; tamén están traballando con nós deportistas do Comarcal A Fervenza, dúas porteiras e catro xogadoras, que tamén nos están dando un pouco máis de calidade e profundidade á hora de traballar as sesións; estamos coñecendo a xogadoras moi novas e esperamos que nun futuro formen parte deste club”.



“É un verdadeiro orgullo traballar cun equipo feminino porque teñen unha entrega formidable. É un inicio duro, con sesión dobre case todos os días, e, non obstante, as sensacións son boísimas. Hai bo ambiente, cunha mestura de xuventude e veteranía espectacular. Hai moita carga de traballo pero dende o corpo técnico estamos moi contentos co seu rendemento” recoñecía Julio Delgado, sobre o que Lucas puntualizaba: “É imposible non estar contentos con estas xogadoras”.




Corpo técnico



Xunto a Julio e Lucas traballarán cóbado con cóbado o preparador físico Míchel Couceiro e a fisioterapeuta Sandra Saavedra; a xogadora Emma Losada asumirá as responsabilidades de delegada.



Calendario confirmado de agosto



Sábado 19 de agosto, Os Remedios (19.00 horas): Ourense Envialia-Pescados Rubén Burela FS



Venres 25 e sábado 26 de agosto, Torneo Internacional Cidade Viana do Castelo (Benfica, Poio Pescamar, VV Pernis, Santa Luzia e Pescados Rubén)

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.