10/10/2017

O Pescados Ruben despídese de Copa do Rei con 2-4 ante Santiago

O Pescados Ruben despídese de Copa do Rei con 2-4 ante Santiago
O Pescados Rubén Burela FS despediuse hoxe do seu percorrido en Copa do Rei, caendo en dezaseisavos fronte ao Santiago Futsal por 2-4. Aos de Juanma Marrube penalizáronos en exceso os erros ante un rival de Primeira División que traía as cousas moi claras a Vista Alegre e soubo ampliar a súa axustada renda de 1-2 nada máis comezar o segundo tempo ata o 1-4.

Antes de chegar ao ecuador da primeira parte Santi adiantou os composteláns, ao segundo pau, tras pase de Everton, nun fallo dos locais. Hugo Sánchez tivo a oportunidade de ampliar distancias ante un Álex adiantado, nun balón que se marchou polo fondo lixeiramente desviado. No 13 o meta Víctor López viu a vermella nunha saída fronte a Hélder. Buscou o empate o Burela FS na superioridade e atopouno Chus segundos despois, co viveirense Iago Barro baixo paus, nun potente disparo desde a banda. Con todo, os de Santi Valladares lograron volver dominar o marcador tan só un minuto e medio despois, cunha galopada de Everton nunha transición desde a banda.

Xerro de auga fría o que recibiu o Pescados Rubén tras o descanso. O 1-3 para os santigueses anotouno Zequi na primeira xogada tras o regreso dos vestiarios, a pase de Álex Diz. Outro dos Diz, Antonio, foi o encargado de poñer o 1-4, pouco despois, aproveitando un balón morto fronte a Álex; antes Renato tivera unha grande oportunidade fronte a Iago Barro. Intentárono ata a extenuación os laranxas; volveu probar Renato, seguido de Chus con boa reacción do meta ex-burelista; moi incisivo, Colacha, no 25 e 27, tampouco puido sorprender a defensa santiaguesa e ata a Luisma, no 33, deulle as costas a fortuna leándose na área co balón a punto de caramelo. Con case catro minutos por diante, Chus vestiu a camisola verde, de porteiro-xogador. A falta de 4 segundos Luisma subiu o definitivo 2-4.

Semana de derbis

Os de Juanma Marrube completarán a semana de derbis o sábado en Lugo, como colofón das festas do San Froilán, na 5ª xornada de Segunda LNFS fronte ao Prone (18.00 horas, Pavillón Municipal de Deportes).

Todos os interesados en presenciar o encontro poderán facelo por tan só 10 euros na viaxe organizada polo club laranxa. Data límite para apuntarse: Mércores 11, 18.00 horas

Horarios:

Saída: Sábado 14 de outubro, Vista Alegre (cafetería), ás 16.00 horas

Destino: Pavillón Municipal de Deportes de Lugo

Partido: Prone Lugo-Pescados Rubén Burela FS (18.00 horas)

Regreso: Ao final do encontro

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Álex, Víctor, Hélder, Renato, Cora, cinco inicial; tamén xogaron Pope, Chus, Colacha, Luisma, Pitero, Nito

Santiago Futsal: Víctor López, Antonio Diz, Hugo Sánchez, Zequi, Álex Diz, cinco inicial; tamén xogaron Everton, Santi, Catela, Álex Velasco, Brian, Iago Barro, Miguel Salgado

Árbitros: Martínez Torres // Ferrero Carballal (Pontevedra). Por Burela, amarelas a Víctor e Luisma. Por Santiago vermella para Víctor López (minuto 13); amarela a Catela.

Goles: 0-1, minuto 10, Santi; 1-1, minuto 14, Chus; 1-2, minuto 16, Everton; 1-3, minuto 21, Zequi; 1-4, minuto 22, Antonio Diz; 2-4, minuto 40, Luisma

Incidencias: Encontro correspondente a dezaseisavos de Copa do Rei disputado no Vista Alegre antes uns 600 afeccionados/as. O conxunto xuvenil do Pescados Rubén Burela FS ofreceu á Bomboneira o trofeo de campión de liga de División de Honor 2016-17, xunto ao presidente, Manuel Blanco, e ao directivo Rubén Blanco.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.