18/11/2017

Burela FS 2-4 Puertollano

Burela FS 2-4 Puertollano
O Pescados Rubén Burela FS sucumbiu esta tarde en Vista Alegre á eficacia finalizadora do Puertollano (2-4). Os laranxas puxeron máis corazón que cabeza nunha primeira parte na que non foron fieis ao traballo da semana. Malia non ser un equipo sólido, o Pescados Rubén conseguiu chegar vivo ao descanso, con 1-2, para reaccionar na segunda parte, aínda que o xogo de cinco mariñán ao final se puxo de parte dos visitantes.

Edu volveu ao cinco inicial cunha brillante dobre parada xa no minuto 4. Freou máis tarde a Joaki pero non puido facer nada ante o mísil afastado de Nano no 7. O meta naronés e o pau aliáronse chegando ao minuto 10 para evitar o segundo dos castelano-manchegos nos pés de Lluc. Joaki aproveitou o rexeite do Edu ao bordo da área en contragolpe de Lluc para subir o 0-2 no 14. Antes intentara sorprender Víctor a Borja en galopada cun disparo que se lle foi desviado. Pediu tempo Juanma Marrube para reverter as malas enerxías. Tivo un par de actuacións de perigo o Puertollano nas proximidades burelistas, pero atopou diana o sempre xenial Matamoros, con catro minutos aínda para o descanso. Pouco máis tarde, Vista Alegre a punto estivo de cantar o empate cun centro de Mata ao que non chegou por case nada Colacha sobre a liña de meta.

Xogou con máis intelixencia ao regreso a escuadra local, con máis circulación de pelota, máis posesión e mellor solidez defensiva. Pope, no 25, non atopou rematador fronte á rede visitante e Colacha non puido culminar un pase longo no 27. A falta de 8 minutos, Luisma viu a segunda amarela, e os de Juanma non tatexaron para bloquear a superioridade. Edu sacou as mans por arriba para frear a Joan Guardiola e ata Chus tivo unha grande oportunidade de ouro. Recuperando o equilibrio de protagonistas Pope estrelou contra o largueiro tras unha pugna de rexeites fronte a Borja. Con 4’13” para o final, o Burela FS apostou por xogo de cinco. Ampliaron entón a fenda os de Marlon Velasco a porta baleira con dúas dianas en tan só 20 segundos, de Dani Colorado e Lluc. Chus reduciu co 2-4 como porteiro xogador sen tempo para máis no frenético desenlace.

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Edu, Víctor, Luisma, Chus, Colacha, cinco inicial; tamén xogaron Pope, Hélder, Matamoros, Renato, Kelson

FSD Puertollano: Borja, Anuar Maimon, Nano, Manu Orellana, Dani Colorado, cinco inicial; tamén xogaron Joan Guardiola, Joaki, Lluc, Fernando

Goles: 0-1, minuto 7, Nano; 0-2,minuto 14, Joaki; 1-2, minuto 16, Matamoros; 1-3, minuto 37, Dani Colorado; 1-4, minuto 37, Lluc; 2-4, minuto 39, Chus

Árbitros: Álvarez Rueda // Hevia Campa (Asturias). Por Burela amarela a Hélder (minuto 15), Luisma (minuto 24 e 32)

Incidencias: Partido correspondente á xornada 10 de Segunda LNFS, disputado en Vista Alegre ante unhas 900 persoas, coa presenza do directivo da Real Federación Galega de Fútbol Pablo Prieto, responsable da sección de fútbol sala.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.