10/01/2018

Cami: 'Espero poñer en práctica o meu mellor fútbol sala en Burela'

Cami: 'Espero poñer en práctica o meu mellor fútbol sala en Burela'
“Son unha xogadora forte na marcaxe, con ganas de axudar e dar o mellor de min, de pór en práctica o meu mellor fútbol sala aquí e conseguir bos resultados”, así se definía Camila Gadeia Silva (São Paulo, 1990), máis coñecida como Cami, a nova peche do Pescados Rubén Burela FS. A sede laranxa acolleu esta tarde a presentación oficial da nova cara laranxa de Primeira RFEF; o presidente, Manuel Blanco, e a vicepresidenta, Cesarina Fanego, aplaudiron a chegada da internacional ‘canarinha’ ás filas mariñás, como un “reforzo de calidade contrastada que axudará o equipo no seu firme traballo de seguir medrando nesta ilusionante liga”.

“Tiña moitas ganas de saír do Brasil e a proposta de Burela pareceume moi interesante para gozar do fútbol sala español” confesaba a nova integrante do conxunto mariñán, mirando con ilusión o salto ao futsal en España tras catro tempadas no São José brasileiro e cunha estancia tamén moi enriquecedora en Líbano a comezos de 2017.

Cami, que defenderá o 8 burelista, aterrou na Mariña co recente título de campioa con Brasil na Copa América 2017 (Uruguai), disposta e convencida “para sumar” e consciente da dificultade do reto: “Sigo a liga española dende hai bastante tempo; sei que é unha competición de moito nivel con equipos moi fortes”.

A peche brasileira xa se incorporou á dinámica do equipo a comezos da semana, nun cadro no que non todo son novidades: “Xa coñecía as compañeiras brasileiras, xa compartín pista con elas no Brasil; o recibimento foi excelente por parte de todos; estanme axudando moito todas as compañeiras” explicaba Camila, que poderá estar dispoñible este sábado, na estrea da liga coa visita do Guadalcacín a Vista Alegre (15.45 horas), na penúltima xornada da primeira volta: “Estou moi contenta, espero poder estrearme ben coa camisola laranxa. Estou adaptándome a algunhas nocións do equipo, pero espero responder ben se así o deciden os técnicos” puntualizaba con brillo nos ollos a nova burelista.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.