11/01/2018

Prato forte para estrear 2018 (sábado 13, 18.15 horas)

Prato forte para estrear 2018 (sábado 13, 18.15 horas)

 O Pescados Rubén Burela FS estrea 2018 e a segunda volta cun prato forte. Este sábado, FS Valdepeñas recalará na Mariña custodiando a terceira praza (31 puntos) fronte á quinta (26) dos laranxas; a cita poderá seguirse en directo a través de www.lnfsdirecto.es e CMM Castilla-La Mancha Media (18.15 horas). “Será un partido moi bonito. Eles, por clasificación, virán moi concienciados do que pode significar gañar aquí e nós temos que pensar en ser máis sólidos na casa, iso é o que ten que primar para poder sacar algo positivo nesta estrea de 2018” adiantaba o adestrador, Juanma Marrube.



Ese é o obxectivo marcado polos mariñáns para esta segunda volta: “É un reto moi bonito o que temos por diante; queda un 50% da liga, unha liga aínda máis atractiva, con moitas opcións para diferentes equipos, despois da igualdade da primeira volta. Nós tamén nos propoñemos o desafío de ser mellores, sobre todo na casa; é un pouco a materia pendente en canto á solidez do equipo” explicaba o técnico alfocego.



Para o primeiro envite hai que estar moi atento, fronte a un rival que chega cos ex-burelistas Mimi e Nacho Pedraza, “un equipo moi sólido, moi complicado de bater, que ten as cousas claras en canto ao xogo e que está demostrando ser moi ordenado” segundo explicaba Juanma.



Para a cita xa estará dispoñible o reforzo de inverno: “O seu perfil como goleador pode axudarnos porque era un perfil de xogador do que non dispoñía o cadro, ademais da súa experiencia e oficio” así falaba o Mariskal da última incorporación, o pivote Héctor Albadalejo. Tamén entrará na convocatoria o xuvenil Edmilson Monteiro.



Na primeira xornada da liga o resultado caeu do lado dos de Cidade Real, por un axustado 2-1.



Convocatoria provisional Pescados Rubén Burela FS: 1. Edu, 4. Víctor, 5. Hélder, 6. Luisma, 7. Chus, 9. Colacha, 11. Cora, 12. Renato, 13. Álex, 14. Pope, 15. Edmilson, 20. Héctor



Tarde Laranxa, con entrada gratuíta. Nunha Tarde 100% Laranxa, os afeccionados que acudan á cita inaugural, entre Pescados Rubén Burela FS e Guadalcacín FSF (Primeira RFEF, 15.45 horas), poderán gozar dos dous partidos de Vista Alegre con entrada gratuíta.



E de merenda? Con cada consumición (auga e/ou refresco), os clientes do bar do pavillón terán un bolo preñado gratis (ata fin de existencias) a partir do descanso.



Os mellores desexos para Sub-19



Tres dos xuvenís habituais no equipo de Juanma Marrube, Pitero, Nito e Luismi, disputan con Galicia esta fin de semana a fase previa do Campionato Nacional de Seleccións Sub-19, en Cuenca. Dende A Mariña, o míster envíalles os seus mellores pensamentos: “Estou moi contento con eles. Están facendo un bo traballo; están co equipo en 2-3 sesións á semana dende pretempada. Polas circunstancias das baixas, estas semanas poderían ter cabida na convocatoria pero agora o seu compromiso está coa Selección, que tamén é un reto e unha experiencia moi bonita. Tan só lles desexo que sigan así traballando, con paixón e sacrificio; esa é a única receita para que ao final chegue a recompensa”.




 

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.