19/01/2018

Os laranxas desafían a casa de ElPozo

Os laranxas desafían a casa de ElPozo

O Pescados Rubén Burela FS poñerá a proba a solidez local do impoñente ElPozo Ciudd de Murcia este domingo (pavillón José María Cagigal, 12.30 horas), que recibe os laranxas na 17ª xornada desde a segunda praza con 33 e empatado co líder, o outro filial dos grandes, FC Barcelona B Lassa. Os pupilos de Juanma Marrube xa saben o que é gañar aos levantinos, impuxéronse 3-0 en Vista Alegre no arranque da primeira volta, pero agora preséntaselles unha tarefa máis complicada, romper a imbatibilidade dun equipo que só cedeu 1 punto na súa casa, fronte a Prone Lugo (3-3), na xornada 10.



Tras o meritorio empate con Valdepeñas (3-3) no comezo da segunda volta, os laranxas afrontan a cita moi conscientes da dificultade do compromiso: “Preséntase duro, como todo o mes de xaneiro. Antes de Nada fíxose unha pequena minipretempada, bastante dura, para chegar ben a este mes” explicaba Chus, que abriu o marcador na cita de Vista Alegre a semana pasada, que mantén o Pescados Rubén na sexta praza (27 puntos).



“Vannos esixir moitísimo pero nós tamén lles imos poñer as cousas difíciles para traer a Burela algo positivo. É un rival coa mesma filosofía que o de Primeira División; Josán González, ao cargo de toda a base, ten os equipos moi traballados. Parte dos seus xogadores están adestrando co primeiro equipo e moitos disputaron minutos, polas lesións que tiveron esta tempada” adiantaba o ala salmantino, admitindo tamén certas faíscas de idoneidade no rival para a xogo burelista: “Pode ser un rival bo para a nosa forma de defender. Aquí fixémonos fortes en defensa e fomos moi efectivos nas ocasións de finalización” puntualizaba o 7 mariñán.



“Xogamos fóra da casa e teremos que presentar un partido moi serio; xornada tras xornada estase demostrando a igualdade da categoría e creo que este será outro encontro que se decidirá por pequenos detalles”, así facía a lectura previa do encontro Chus, vendo a equipos co 100% de motivación sobre a pista: “A súa máxima motivación é o primeiro equipo, por iso nunca baixan a garda. Nese aspecto non nos gañarán porque, tal e como expoñemos a segunda volta, nós temos que ir sacar os tres puntos; só así conseguiremos mellorar os números da primeira volta”.



O equipo partirá esta noite, ás 21.30; concluirá a súa preparación mañá, xa en Murcia, cunha sesión prevista para as 12.30 horas.



Convocatoria provisional Pescados Rubén Burela FS: 1. Edu, 4. Víctor, 5. Hélder, 6. Luisma, 7. Chus, 9. Colacha, 11. Cora, 12. Renato, 13. Álex, 14. Pope, 16. Pitero, 20. Héctor



Cuartos de Copa Galicia



O Pescados Rubén Burela FS visitará a pista do Noia Portus Apostoli o martes 6 de febreiro (21.00 horas) para disputar cuartos de Copa Galicia. Xa ten o billete para semifinais O Esteo tras impoñerse a Sport Sala Culleredo o 13 de xaneiro por 2-5. Os outros enfrontamentos estarán protagonizados por Sala Ourense-O Parrulo (26 de xaneiro, 21.00 horas) e Pizarras Loss Tres Cuñados-Santiago Futsal (10 de febreiro, 18.30 horas).

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.