26/01/2018

Judith con Galicia no Nacional de Redondela

Judith con Galicia no Nacional de Redondela

A xogadora do Pescados Rubén Burela FS Judith Pedreira volverá defender a Galicia; será esta fin de semana na fase previa do Campionato de España de Seleccións Sub-21 en Redondela. “Para min é un orgullo poder defender unha vez máis a camiseta de Galicia; estou moi contenta de volver formar parte desta selección” confesaba a 15 laranxa.



“Non coñezo moito das xogadoras rivais, pero son seleccións e terán as mellores. Estou segura de que serán partidos moi rifados. Teremos que traballar e saír concentradas para sacar algo positivo” advertía Judith, con Navarra e Comunidade Valenciana como inimigas neste primeira rolda, confiando no potencial e, sobre todo, na ilusión da Irmandiña: “Somos moi novas, temos moita ilusión e ganas para dar o mellor de nós e así poder conseguir o pase á fase final e que o público tamén goce dos partidos”.



A presentación oficial da expedición laranxa tivo lugar hoxe xa en Redondela ás 11.00 horas e realizará o último adestramento ás 16.30 horas. Xunto á representante laranxa, o combinado de Pili Costa estará formado por Sandra Rodríguez, Inés Suárez, Mónica Rodal e María Gómez (Viaxes Amarelle FSF), Tamara Gándara  e Carolina Agulla (ED Poio Pescamar FS), Clara Fernández (Cidade das Burgas), Antía Pérez e Nerea Lorenzo (Ourense Envialia), María González (Bembrive FS) e Receba Campos (Cidade de Pontevedra).



 



Pavillón A Marisma



Venres 26 de xaneiro: Navarra-Comunidade Valenciana (19.00 horas)
Sábado 27 de xaneiro: Galicia-Perdedor Navarra-C. Valenciana (18.00 horas)
Domingo 28 de xaneiro: Galicia-Gañador Navarra-C. Valenciana (12.00 horas)



Segunda volta, 3 de febreiro



As pupilas de Julio Delgado e Lucas retomarán a liga o sábado 3 de febreiro estreando a segunda volta, cun novo desprazamento a terras madrileñas, na pista do Majadahonda Afar4 FSF. O Pescados Rubén Burela FS chega ao ecuador na terceira praza (34 puntos) deixando atrás a derrota de Alcorcón (6-1): “Foi un tropezo que queda atrás. Nos adestramentos xa estamos co chip cambiado para afrontar a segunda volta con forza” explicaba Judith, pensando xa no próximo rival, ao que venceron cun axustado 6-5 en Vista Alegre: “Aquí tocounos sufrir contra elas e Madrid está sendo un destino que nos custa moito, pero iso non nos debe frear. Sabemos aprender dos erros e comezaremos a segunda volta co obxectivo de corrixilos” aseguraba con optimismo a burelista facendo unha lectura positiva do vivido esta tempada, con ganas de máis: “Acabamos ben a primeira volta en clasificación pero aínda nos falta dar ese saltiño de calidade en equipo para sacar os partidos que se nos complican. Non obstante eu creo que estando todas unidas na segunda volta poderemos dar ese pasiño adiante” concluía.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.