26/01/2018

Vista Alegre fronte á solvencia visitante de Itea Córdoba

Vista Alegre fronte á solvencia visitante de Itea Córdoba
O Pescados Rubén Burela FS recibirá mañá en Vista Alegre o Itea Córdoba FC Futsal, na 18ª xornada de Segunda (18.30 horas), con tan só 3 puntos de vantaxe entre a sexta praza galega (30 puntos) e a oitava andaluza. Preséntase unha ardua tarefa; Vista Alegre pelexará por quedar coa vitoria fronte a un rival que xunto, con FC Barcelona, custodia os mellores números a domicilo, con 6 triunfos lonxe da súa pista.

O conxunto mariñán afronta outro reto importante co obxectivo de ser mellor na casa e reforzado co ronsel do meritorio triunfo conseguido en Murcia (4-5). “Veunos moi ben no aspecto deportivo, pero sobre todo mentalmente. Levabamos partidos sen gañar, con Valdepeñas estivemos ben na casa e conseguimos empatar, pero facíanos falta unha vitoria”, explicaba Luisma, que abriu o marcador o domingo na pista de ElPozo.

O xogador laranxa destacou a boa senda que está vivindo o conxunto andaluz, encadeando cinco xornadas sen perder e co recente 10-1 fronte a Manzanares. “Está conseguindo vitorias importantes na pista de equipos difíciles como Puertollano e Antequera. Sabemos que o imos ter moi complicado; é unha liga moi igualada, o rival vén cunha boa racha, pero se queremos estar aí arriba e cumprir o noso obxectivo, de estar en marzo con opcións de ascenso, temos que gañar este tipo de encontros e máis en Vista Alegre” incidía así o 6 burelista en recuperar a solidez da Bomboneira como a clave para seguir sendo mellores xornada tras xornada.

Na ida os pupilos de Juanma Marrube sumaron 3 puntos con goleada ante o rival cordobés, 1-8. Poucas similitudes terá a cita de mañá coa da primeira volta, segundo o xuízo do pivote burelista fronte a un rival moi forte e agresivo en defensa, con velocidade nas transicións: “Mirar o que pasou en Córdoba pode levar a enganos; alí fomos superiores pero tamén moi eficaces no gol; cada vez que chegamos a porta practicamente metemos” puntualizaba o logroñés.

Aínda que a semana atípica, con descanso o luns polo partido do domingo, comezou con xogadores como Hélder ou Luisma con molestias, Juanma poderá dispoñer da convocatoria da semana pasada ao completo.

Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Edu, 4. Víctor, 5. Hélder, 6. Luisma, 7. Chus, 9. Colacha, 11. Cora, 12. Renato, 13. Álex, 14. Pope, 16. Pitero, 20. Héctor

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.