05/02/2018

Boas sensacións

Boas sensacións

“As sensacións foron boas en liñas xerais. Creáronnos moi poucas ocasións, algo que nos reforza moito. No aspecto defensivo estivemos moi ben e encaixamos o gol na recta final, aínda que ofensivamente non estivemos todo os fluídas que podiamos estar. A lectura é positiva e moito máis vendo os resultados que se deron na xornada” explicaba Julio Delgado no inicio da semana tras o 1-4 recollido en Majadahonda e coa derrota do líder, Atlético de Madrid.



O Pescados Rubén Burela FS comeza con bo pé a segunda volta e rompe así coa súa mala fortuna en desprazamentos a terras madrileñas, infrutuosos ata o momento.



A Mariña co Nacional Sub-17 Feminino



As localidades de Burela, Viveiro e Foz acollen esta semana (7-11 de febreiro) o Campionato de España de Seleccións Sub-17 Feminino, coa visita de 13 combinados autonómicos á Mariña. “O Campionato de España brindaranos a oportunidade de ver as novas promesas e algunhas realidades que xa están xogando en Primeira e Segunda División. Desde o mércores teremos partidos e poderemos gozar dunha competición moi bonita”, aseguraba Julio Delgado, dun evento da RFEF e RFGF no que colabora o Pescados Rubén e ao que poñerá a guinda na tarde do sábado, con dobre cita en Primeira RFEF e Segunda LNFS.



Sofía, coa Irmandiña



A xogadora burelista Sofía Vázquez realizará esta tarde o último adestramento con Galicia antes da cita. “Esta é a súa segunda tempada en Primeira División; ten unha grande experiencia e proxección; pero non só son condicións físicas e deportivas, hai que estar preparado mentalmente. Se o Burela aposta por unha moza tan nova é por algo e nestes próximos anos poderemos ver se esta xogadora é capaz de loitar por ser un referente en Burela, A Mariña e, como eu tamén creo, a nivel nacional. Para nós é unha alegría que poida formar parte da Selección” dicía o adestrador laranxa.




Alicante, apertura de Tarde Laranxa



A visita do UA Alicante abrirá a Tarde Laranxa do sábado, ás 16.30 horas, que dará paso ao derbi galego de Segunda LNFS fronte a Prone Lugo (19.00 horas), con emisión de TVG2. “Será un gran fin de semana coa boa racha que están atravesando os nosos equipos. A vitoria do masculino faille alcanzar unha mellor posición para play off e o feminino cun triunfo fóra e a agora a tres puntiños do líder” explicaba Julio Delgado, facendo referencia á emoción coa que chegará a próxima xornada.



Tan só 1 punto separa a segunda praza do Alicante da terceira mariñá: “Sabemos que é un rival durísimo, segundo na clasificación, que segue mantendo esa grande imaxe que xa demostrou a tempada pasada.
Estes son os partidos que valen 6 puntos e é gañar si ou si” adiantaba o técnico burelista, nunha liga cada vez máis emocionante: “Logo da derrota do Futsi a semana pasada con Poio pónsenos a liga moi interesante; é un golpe de moral para o resto dos equipos, con 5 escuadras en 5 puntos, e iso daralle máis vistosidade á competición”.



Todas as persoas que acudan disfrazadas a Vista Alegre este sábado poderán presenciar os dous encontros con entrada gratuíta.



 

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.