01/04/2018

Ao Pescaddos Rubén escápalle a Copa Galicia a 24 centésimas

Ao Pescaddos Rubén escápalle a Copa Galicia a 24 centésimas
O pavillón da Raña de Marín desbordou emoción na gran final da XII Copa Galicia, nun intenso duelo entre o Pescados Rubén Burela FS e Poio Pescamar FSF, que souberon agarrar con forza as pontevedresas, a 24 centésimas da bucina final, co definitivo 4-5. As pupilas de Julio Delgado e Lucas deron alas ao soño laranxa recompoñéndose dun 0-3 en contra; a remontada mariñá comezou no minuto 27 ata o 4-4 a tan só 22 segundos para o final, pero na última xogada as campioas galegas validaron o título.

Superado o ecuador da primeira parte Ana Romero estivo moi atenta ante Ceci a balón parado, pero nada puido facer na seguinte xogada con saque de esquina da ex–burelista que culminou Iria Saeta. Así se adiantaba o Poio no minuto 11. Jenni, coa cara, mantivo a rede pontevedresa a cero, fronte a Tai, nun rexeite. A falta de catro minutos e medio para o descanso, Bea Mateos liderou o xogo de cinco. Lara protagonizou a primeira con perigo segundos despois, ante o despexe da gardameta de Poio; a 10 burelista volveu intentalo, con Dany a punto de culminar. O disparo afastado de Cami foise por pouco a falta de tan só 6 segundos para o descanso.

Na volta ao parqué Lara e Cilene dispuxeron de excelentes ocasións para igualar, en senllas asistencias de Dany. Non puido ser e tocoulle a quenda a Poio; no minuto 22, Lara salvou a rede laranxa tras saída errada de Jozi e no 23 Ceci recibindo case dende o chan soubo como bater a portería mariñá soa frente á brasileira. Jozi e Dany aliáronse tan só dous minutos despois para frear primeiro a Ceci e despois a Daniella. Nova aposta polo xogo de cinco para as de Julio Delgado e Lucas e recompensa case inmediata, con diana culminada por Cilene (minuto 27). Cobraban folgos as laranxas, pero cando parecía que estaba a punto de chegar o segundo burelista, aproveitou o Poio. Ceci anotou o 1-4, no minuto 31, con Cami baixo a liña de meta, tras o rexeite de Iria Saeta. Non baixou os brazos o Pescados Rubén e axiña atopou o merecido premio, con Jenny (minuto 33) e Dany (minuto 36), reducindo ata o 3-4. Con 4’50” por diante, as burelistas non cesaron no seu empeño. A Bancada Laranxa estalou co empate de Dany, a pase de Jenny, restando 22 segundos, pero a fortuna non estivo do lado burelista. Na última xogada, a tan só 24 centésimas, o Poio conseguiu agarrar o título tras saque de esquina finalizado por Jenni.

I Minicopa Infantil tamén para as ‘Rojillas’

A base do Poio Pescamar (2-0) alzouse co título da I Minicopa fronte á Fervenza-Burela FS, nunha cita disputada como antesala da gran final. As representantes laranxas ofreceron unha grande imaxe facendo fronte a unha das escolas de máis renome no fútbol sala feminino galego. O título decantouse para as pontevedresas no último cuarto do encontro, con doble diana de Mónica (minutos 32 e 35).

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Ana Romero, Dany, Cilene, Lara, Bea Mateos, cinco inicial; tamén xogaron Tai, Cami, Jenny, Jozi, Judith

Poio Pescamar FSF: Silvia Aguete, Ale de Paz, Jenni, Iria Saeta, Ceci, cinco inicial; tamén xogaron Delise, Daniella

Goles: 0-1, minuto 11, Iria Saeta; 0-2, minuto 23, Ceci; 0-3, minuto 26, Daniella; 1-3, minuto 27, Cilene; 1-4, minuto 31, Ceci; 2-4, minuto 33, Jenny; 3-4, minuto 36, Dany; 4-4, minuto 40, Dany; 4-5, minuto 40, Jenni.

Árbitros: Manteiga Rodríguez // Fernández Becerra (Galicia). Por Burela amarela para Jenny (minuto 11), Judith (minuto 34).

Incidencias: Partido correspondente á final de XII Copa Galicia Feminina de Fútbol Sala disputado no pavillón da Raña de Marín.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.