05/04/2018

Tres puntos que non poden escapar ante un Tenerife que di adeus a Segunda

Tres puntos que non poden escapar ante un Tenerife que di adeus a Segunda
O Pescados Rubén Burela FS disputará este sábado a 27ª xornada de Segunda LNFS na pista do xa descendido Tenerife Iberial Toscal (18.00 h. –hora insular-). Son tres puntos que non se poden perder na cuadrícula laranxa na pelexa polo cumio de play off, dende a súa privilexiada cuarta praza (48 puntos), por detrás dos filiais de Barcelona e ElPozo.

Os mariñáns resolveron o enfrontamento de ida coa maior que encaixaron os canarios na tempada (9-1). Aínda así Juanma Marrube non se confía e máis tendo en conta os compromisos máis recentes do rival: “Cos últimos antecedentes, dá a sensación de que dende que se cumpriu matematicamente o seu descenso, está xogando máis liberado. De feito, a Córdoba custoulle gañar o seu partido, con cinco para catro con 2-1, e con Manzanares na casa foi un 3-3 a falta de poucos minutos. É un equipo moi novo que nos últimos encontros está poñendo as cousas difíciles” advertía o alfocego.

O Pescados Rubén ten as cousas claras. A filosofía, concentración e intensidade debe ser a dun duelo directo para non deixar os puntos ao azar: “Imos coa mentalidade dunha xornada máis e a facer o que depende de nós. Sabiamos que ao perder tres xornadas seguidas e tendo un calendario complicado había que pelexar por cada punto. Esa foi a mentalidade cos duelos de Antequera, Puertollano e Manzanares e agora temos que seguir manténdoa. Non nos podemos fiar, para nós non existe a clasificación; é o partido e nada máis”

Catro xornadas quedan por diante cun só obxectivo, facer os deberes para custodiar a segunda praza e o factor cancha en play off; o primeiro paso debe darse nas illas. “Temos que pensar en manter a segunda praza; agora mesmo non podemos facer nada máis porque quedan poucos partidos e hai puntos de marxe para o primeiro. O noso obxectivo é asegurar a segunda praza, os números din que aínda non está, e para iso temos que facer os deberes en Tenerife”.

A expedición laranxa porá rumbo ás illas mañá ás 13.00 horas.

Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Edu, 4. Víctor, 5. Hélder, 6. Luisma, 7. Chus, 9. Colacha, 11. Cora, 12. Renato, 14. Pope, 19. Luismi, 20. Héctor

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.