19/04/2018

Vista Alegre recibe o campión galego para pechar a Tarde Laranxa

Vista Alegre recibe o campión galego para pechar a Tarde Laranxa

Vista Alegre pechará a Tarde Laranxa, este sábado, coa visita do campión galego, Poio Pescamar FSF, na xornada 25 de Primeira RFEF. Será ás 20.30 horas, con espectáculo de máxima emoción, para poñer a guinda tras a xornada 29 de Segunda LNFS entre a escuadra de Juanma Marrube e o Real Betis Futsal, en pugna de play off (18.00 horas -horario unificado-).



“Un derbi sempre é moi emocionante e máis co que pasou na Copa Galicia, que se nos escapou no último suspiro. Por iso aínda estamos máis motivadas para ir polos tres puntos” explicaba Sara Correia, case un mes despois do envite do título irmandiño en Marín, con 4-5 co que o Poio validou o seu trono a tan só 24 centésimas do final. Tras a vitoria en Soto, as mariñás deron un pequeno paso máis cara ao cume. Empatadas con UA Alicante (57 puntos), tan só están a 2 puntos do liderado, custodiado por Atlético de Madrid Navalcarnero.



 “En Soto conseguimos tres puntos moi importantes nun partido no que creo que a dificultade a puxemos nós. Defensivamente non estivemos ben e ofensivamente creamos, pero non finalizamos todo o que queriamos”, analizaba a 13 laranxa. Agora toca facer un gran traballo de concentración ante o sétimo da táboa, que chega tamén con boas sensacións tras o 5-3 fronte a Leganés: “Será difícil, coma sempre. Somos moi conscientes de que a súa calidade individual está por riva da media, destacando 2 ou 3 xogadoras. Nós queremos quedar cos tres puntos e para iso temos que estar concentradas desde o primeiro ata o último minuto, para non ter sorpresas”, advertía Sara Correia, recordando o empate 2-2 da primeira volta.



A xogadora lusa vaticina unha gran tarde de fútbol sala na Bomboneira: “Xogar na casa sempre nos reforza e este sábado será mellor porque o apoio será aínda maior. Nós estaremos apoiando o masculino, con Betis, e eles estarán apoiándonos despois. Vista Alegre será unha festa” adiantaba a ala-peche.



Julio Delgado e Lucas poderán dispoñer de novo da capitá, Bea Mateos, logo de cumprir o seu partido de sanción, e de Julia Forsiuk, que regresou onte da súa concentración coa Selección de Ucraína.



Aliados galegos. Os outros dous ocupantes do podio tamén se medirán a rivais galegos esta xornada. Navalcarnero visitará o Ourense Envialia, sexto na táboa, e Alicante recibirá o Cidade das Burgas, penúltimo.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.