20/04/2018

Duelo de play off para abrir unha tarde de espectáculo e emoción

Duelo de play off para abrir unha tarde de espectáculo e emoción
A Tarde Laranxa de Vista Alegre abrirase mañá ás 18.00 horas (horario unificado) cun duelo de play off e ante as cámaras de TVG2. Na penúltima xornada ligueira e como peche na casa da competición regular, o Pescados Rubén Burela FS defenderá a súa praza privilexiada liderando o play off (52 puntos), fronte ao actual sétimo clasificado, Real Betis Futsal (45 puntos). O derbi galego de Primeira RFEF, coa visita do Poio Pescamar FSF porá o broche á tarde, ás 20.30 horas.

O equipo dos exburelistas Chano e Bellvert, con outro coñecido da Familia Laranxa á fronte, Daniel Ibañes, pelexa por optar á fase de ascenso tras impoñerse a Manzanares a semana pasada (6-2), con 45 puntos; á espreita da súa praza están Itea Córdoba e Rivas, con tan só 1 punto menos. “Betis virá con toda a motivación do mundo porque sabe que depende del mesmo para seguir aí; o partido de Burela é moi importante para eles. É un equipo forte, ten a oportunidade agora de meterse en play off e iso faio moito máis perigoso” explicaba o andaluz das filas mariñás, José Antonio Luna Guijarro, Colacha, incidindo na relevancia do triunfo para o Pescados Rubén: “Nós tamén estamos pensando en play off; este partido pode decidir o rival que queremos. Nós imos facer o posible para sacar os tres puntos e ter un rival máis cómodo a priori nese play off. Non podemos deixar escapar nada” advertía o 9 laranxa, en vésperas do duelo e mirando á táboa, con Puertollano, con 50 puntos, e Antequera, con 48, que se medirán a Valdepeñas, en plena celebración do seu ascenso, e ElPozo, respectivamente.

Na primeira volta a cita quedou en táboas (3-3), cos burelistas levando a iniciativa no marcador e continuas respostas efectivas do Betis. “Creo que fomos mellores, pero o partido decidiuse en empate. Para conseguir os tres puntos temos que demostrar o carácter de Antequera, un partido destacable de todo o equipo; se nos mostramos igual os tres puntos quedarán na casa” aseguraba Colacha facendo referencia a unha das últimas xornadas na Bomboneira.

“A nosa mentalidade é a dunha final. Temos que saír á pista metidos en todo momento, conseguir os tres puntos e facer unha Tarde Laranxa o máis bonita posible” confesaba con optimismo o menciano, esperando agradecer con triunfos o apoio da afección: “Abrimos o pano; esperamos deixar o público con moi bo sabor de boca para que así poidan gozar aínda máis do derbi e que tamén se consiga a vitoria de Burela”.

Merenda de Tarde Laranxa

Entre ambos os partidos da Tarde Laranxa, os afeccionados poderán repoñer forzas. Con cada consumición repartirase un bocadillo de saboroso chourizo á grella.

Convocatoria provisional Pescados Rubén Burela FS: 1. Edu, 4. Víctor, 5. Hélder, 6. Luisma, 7. Chus, 9. Colacha, 10. Matamoros, 11. Cora, 12. Renato, 13. Álex, 14. Pope, 20. Héctor

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.